- Promovidos polo Cluster de Innovación en Envase e Embalaxe, alcanzan xa a súa décima edición.
- Están orientados a estudantes matriculados en centros educativos de ámbito nacional, os cales disporán de prazo ata o próximo 12 de abril para presentar as súas candidaturas.
- A través destes galardóns valórase o deseño dun envase ou embalaxe innovador desde unha perspectiva industrial, é dicir, atendendo aos seus aspectos funcionais, estruturais e de uso.
- Unha vez recibidas as candidaturas, un equipo multidisciplinar conformado por representantes das empresas participantes seleccionará un traballo gañador e dous finalistas por cada proxecto.
Cerceda, a 9 de abril de 2019.- Promovidos polo Cluster de Innovación en Envase e Embalaxe, os Premios Nacionais de Envase e Embalaxe alcanzan a súa décima edición, constituíndo, segundo os seus promotores, un punto de encontro entre o ámbito empresarial e o universitario.
Os estudantes matriculados en centros educativos de ámbito nacional teñen de prazo ata o vindeiro venres, 12 de abril, para presentar a súa candidatura. De momento, xa foron máis de 450 alumnos dunha vintena de universidades e escolas de formación os que presentaron a súa solicitude, sendo diferentes empresas as que lanzan retos aos que os estudantes responden con enxeño e altas doses de creatividade.
Desde 2009, ano no que se lanzou a primeira edición, máis de 1.200 estudantes presentaron propostas aos retos formulados por máis de 35 empresas fabricantes ou usuarias de envase e embalaxe que colaboraron nesta iniciativa. Os gañadores (un por proxecto) recibirán un premio de 1.000 euros e un diploma acreditativo.
A través dos premios valórase o deseño dun envase ou embalaxe innovador desde unha perspectiva industrial, é dicir, atendendo aos seus aspectos funcionais, estruturais e de uso. Requírese que o deseño de envase ou embalaxe se corresponda cunha das necesidades/temáticas definidas polas empresas participantes baixo criterios de novidade e sostibilidade, debendo presentar unha ficha de proxecto na que se recollan as características técnicas.
Adicionalmente, as empresas poderán invitar aos estudantes a visitar as súas instalacións co fin de dar a coñecer outros factores a ter en conta no desenvolvemento da proposta, como poden ser as formas de traballo, os métodos de comercialización existentes, filosofía empresarial, etc.
AVALIACIÓN
Unha vez recibidas as candidaturas, un equipo multidisciplinar conformado por representantes das empresas participantes seleccionará un traballo gañador e dous finalistas por cada proxecto.
Teranse en conta, entre outros criterios, a calidade conceptual da proposta, é dicir, o envase deberá presentar certo nivel de investigación en calquera dos seus aspectos funcionais; a calidade técnica e tecnolóxica, tendo en conta o uso apropiado que se faga da tecnoloxía, a adecuación dos materiais e os seus compoñentes, así como a viabilidade técnica e económica da produción; e a innovación en deseño, calidade, aplicación tecnolóxica, procesos de fabricación, novas funcións, orixinalidade, etc; sostibilidade (elección de materiais, reciclabilidade, opcións de reutilización, etc); seguridade en almacenamento e distribución; e calidade da documentación presentada.
Fonte e imaxe: www.clusterenvase.com
Saúdos, Departamento de Comunicación