- Tal e como asegura The Global E-waste Monitor 2020, isto abre múltiples oportunidades para aproveitar o potencial dos refugallos electrónicos nunha economía circular.
- Se mudamos hábitos e deseñamos os dispositivos para facilitar a súa reciclaxe, poderían chegar a ser unha fonte importante de materia prima no futuro.
Cerceda, a 16 de novembro de 2021.- Os equipos eléctricos e electrónicos convertéronse nunha parte esencial da nosa vida e a súa produción non para de crecer. Máis aló da necesidade de xestionar correctamente estes residuos polo risco que entrañan para o medio ambiente debido ao seu contido en materiais tóxicos (por exemplo, os electrodomésticos de gama branca, como neveiras e aparellos de aire acondicionado, liberan gases nocivos cando non se eliminan de maneira responsable), tamén se poden atopar nos mesmos metais preciosos (ouro, prata, cobre, platino...), materias primas críticas ( cobalto, paladio, indio, antimonio...) e metais non críticos, como o aluminio e o ferro.
Tal e como asegura The Global E-waste Monitor 2020, isto abre múltiples oportunidades para aproveitar o potencial dos refugallos electrónicos nunha economía circular, podendo considerarse como unha nova mina. Se mudamos hábitos e deseñamos os dispositivos para facilitar a súa reciclaxe, poderían chegar a ser unha fonte importante de materia prima no futuro.
Así mesmo, requírese a adopción de medidas urxentes para minimizar os efectos desta inevitable avalancha, que deben ir encamiñadas a solucionar o problema de forma coordinada e deben involucrar a cidadáns, empresas e organismos públicos.
Como dixo o coñecido emprendedor social e da reciclaxe, Eric Lundgren: “A nosa sociedade está a destruír baterías utilizables cando debería estar a crear aplicacións de segunda vida. Non deberiamos estar a destruír baterías que poderían reutilizarse durante outros 10 anos”.
Reutilizar implica alongar a vida útil dos produtos eléctricos e electrónicos. Por exemplo, ofertándoos no mercado de segunda man. Froito deste principio naceron startups como a alemá Grover, unha plataforma de alugueiro de tecnoloxía que busca reducir a cantidade de refugallos electrónicos e promover a reutilización de artigos electrónicos a un prezo asequible; ou iniciativas como a da ONG Fundación Adelias, que, coa súa campaña 'Nin un neno sen computador!' pretende que todos os nenos poidan aproveitarse das vantaxes das novas tecnoloxías.
No ámbito da reciclaxe, tamén hai iniciativas interesantes como EWASTE, nacida coa idea de xerar unha industria que favoreza o peche do ciclo de residuos. Eles puxeron en marcha a primeira planta de tratamento de RAEE de Canarias, considerada unha das máis modernas e avanzadas de Europa ao alcanzar unha porcentaxe de descontaminación do 99,8% dos gases de efecto invernadoiro.
Fonte: Gestores de Residuos
Imaxe: Pexels