- As máscaras, test de antíxenos, luvas de látex e calquera outro residuo sanitario derivados da COVID-19 deben tirarse no contedor da fracción resto (bolsa de lixo negra)
- No Punto SIGRE da farmacia só deben refugarse medicamentos caducados ou non utilizados e os envases baleiros, tras acabar o seu contido, xunto coas súas caixas e prospectos
Cerceda, a 23 de febreiro de 2022.- SIGRE lembra a todos os cidadáns que os residuos derivados da COVID-19, como as máscaras, luvas de látex e test de antíxenos, non deben depositarse no Punto SIGRE da farmacia, ao non tratarse de residuos de medicamentos.
Estes produtos deben refugarse no cubo do lixo normal ou fracción resto (bolsa negra), onde van os residuos que non poden ser reciclados. No caso dos test de antíxenos, estes adoitan vir cunha bolsa para introducir todos os elementos do test e depositalos de forma segura no lixo doméstico. Baixo ningunha circunstancia estes residuos se deben levar ao Punto SIGRE, xa que non se tratan dun medicamento.
Con todo, débese destacar que os envases onde veñen as máscaras, luvas e test de antíxenos si deberán depositarse no contedor de recollida selectiva de envases correspondente: azul para as caixas de cartón, amarelo para as bolsas de plástico, etc.
Tamén é importante lembrar que existen outros moitos residuos sanitarios que non podemos levar ao Punto SIGRE, como son as agullas, os termómetros, o material de cura, as gasas, as vendas, os produtos de nutrición, as sondas, as radiografías, os glucómetros, as pilas, os produtos ou reactivos químicos e calquera proba de diagnóstico doméstico (embarazo, VIH, etc.).
QUE LEVAR AO PUNTO SIGRE
Ao contedor branco das farmacias si hai que levar os envases baleiros de medicamentos (caixas de cartón, blísteres de plástico ou aluminio, frascos de vidro, sobres, inhaladores, viarios, tubos de pastillas, pomadas, etc.), ademais dos restos de medicamentos caducados ou en mal estado de conservación e a medicación sobrante de tratamentos xa finalizados. E, todo itso, sempre dentro do seu envase, coa súa caixa e prospecto respectivos.
Neste sentido, lémbrase que os envases baleiros de medicamentos non deben depositarse noutros contedores de reciclaxe, debido a que estiveron en contacto con substancias farmacéuticas e necesitan un tratamento específico para protexer a nosa saúde e o medio ambiente.
Fonte e imaxe: SIGRE