- Na Conferencia das Partes (COP) dos convenios de Basilea, Rotterdam e Estocolmo, 180 países acordaron regular o fluxo internacional de residuos plásticos e adoptar unha serie de decisións en torno a distintos produtos químicos e residuos cualificados como perigosos.
- Xenebra foi o escenario deste acordo, que ten por obxecto reforzar a protección da saúde e o medio ambiente.
Cerceda, a 20 de maio de 2019.- O pasado 11 de maio, Xenebra escenificou o acordo materializado por 180 países para regular, por primeira vez, o fluxo internacional de residuos plásticos e adoptar unha serie de decisións en torno a distintos produtos químicos e refugallos cualificados como perigosos, reforzando desta forma a protección da saúde e o medio ambiente.
Dado o alcance da contaminación por plásticos, téndose convertido a día de hoxe nun dos problemas ambientais de maior calado, na Conferencia das Partes (COP) dos Convenios de Basilea, Rotterdam e Estocolmo, que aglutinou a participación de 1.400 delegados baixo o lema “Planeta limpo, xente sa: xestión racional de produtos químicos e residuos”, os gobernos decidiron modificar o convenio de Basilea e incluír os residuos plásticos nun marco legal vinculante a fin de que o comercio dos mesmos sexa máis transparente e conte cunha regulación máis consistente.
Así mesmo, os Estados aprobaron tamén a creación dunha nova Alianza sobre Residuos Plásticos para mobilizar os recursos, intereses e experiencia de empresas, gobernos, mundo académico e sociedade a fin de posibilitar a implantación de medidas máis efectivas neste sector.
Tamén na COP decidiuse erradicar, no marco do Convenio de Estocolmo, dous grupos químicos tóxicos, o dicofol e o ácido perfluorooctanoico, así como os seus sales e compostos relacionados, que suman en torno a 4.000 químicos. Cabe recordar que o ácido perfluorooctanoico utilizouse nunha ampla variedade de aplicacións industriais e domésticas tales como utensilios de cociña antiadherentes e equipos de procesamento de alimentos, así como un surfactante en téxtiles, alfombras, papel, pinturas e espumas contra incendios.
E xa en relación ao Convenio de Rotterdam, e no ámbito do comercio de certos praguicidas perigosos e produtos químicos industriais, engadíronse dous produtos químicos, isto é, o forato de pesticidas e o hexabromociclododecano, supeditándoos así ao procedemento de consentimento fundamentado previo e a través do cal os países poden decidir sobre as futuras importacións desas sustancias químicas.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación