- O distanciamento físico obrigado polo COVID-19 non dificultou que os participantes levasen a cabo unha análise ordenada das distintas actividades materializadas durante o primeiro trimestre do ano en curso, se ben existen outras que, dadas as circunstancias actuais de confinamiento, deben pospoñerse por razóns de forza maior.
- Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, Res2ValHum ten por obxecto promover a compostaxe como interesante ferramenta de xestión para a fracción orgánica contida nos residuos urbanos.
- Ademais das tarefas propiamente técnicas, Sogama veu executando outras de carácter divulgativo e publicitario, tendo distribuído tamén, ao amparo desta iniciativa, un total de 580 compostadores (300 unidades a principios deste ano e 280 a finais de 2019) entre distintos colectivos.
Cerceda, a 6 de abril de 2020.- A crise sanitaria derivada do COVID-19 obrigou aos socios do proxecto de cooperación transfronteriza Res2ValHum, entre os que se atopa Sogama, a celebrar a reunión prevista para estas datas a través de videoconferencia.
Non obstante, o distanciamiento físico non dificultou que os participantes nesta reunión virtual levasen a cabo unha análise ordenada das distintas actividades desenvolvidas durante o primeiro trimestre do ano en curso, se ben existen outras que, dadas as circunstancias actuais de confinamento, deben pospoñerse ou están sometidas a limitacións por razóns de forza maior. É o caso das caracterizacións dos distintos tipos de mostras sobre as que se traballa, o envío das mesmas, os ensaios de laboratorio e de campo e, en xeral, os traballos de tipo experimental do proxecto, ademais daquelas tarefas de difusión presenciais, visitas ás instalacións dos socios, workshops, sesións técnicas ou conferencias previstas.
Conforme á evolución temporal desta situación excepcional, avaliarase a forma de complementar estas actividades a fin de minimizar o impacto sobre os resultados previstos do proxecto.
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, Res2ValHum ten por obxecto promover a compostaxe como interesante ferramenta de xestión para a fracción orgánica contida nos residuos urbanos, así como a utilización do compost resultante en aplicacións diversas, reducindo o seu vertido.
A pretensión desta iniciativa é transformar os residuos orgánicos en materia prima para a elaboración de fertilizantes biolóxicos de alta calidade e remediación de solos contaminados, ademais doutros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas, xerando produtos de gran valor engadido que poderían abrir a porta igualmente a novas áreas de negocio e emprego.
Ademais de Sogama, que na reunión online mantida en recentes datas estivo representada pola súa Responsable de I+D+i, Mónica Pérez, participan neste proxecto, por parte de Galicia, a empresa CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, por parte de Portugal, a Universidade de Minho, en calidade de líder, así como as empresas Lipor, Braval e CVR.
LABORES TÉCNICOS E DIVULGATIVOS
Máis aló das tarefas propiamente técnicas, a Sociedade Galega do Medio Ambiente veu executando outras de carácter divulgativo que tomaron a forma de manuais de compostaXe, cursos online, vídeos, xogos escolares, workshops (un celebrado en Vigo e outro en Cerceda), así como de marketing e publicidade.
Tamén no marco deste proxecto repartiu, a principios de 2020, un total de 300 composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, cifra que se suma a outros 280 distribuídos a finais do pasado ano, figurando entre os seus destinatarios os operadores adscritos ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Malia as dificultades actuais, que limitan en boa medida o cumprimento do calendario previsto, os socios seguen a traballar para, axiña como resulte posible, se retomen as actividades afectadas e se poidan obter os resultados previstos dun proxecto cuxo espírito reside na colaboración entre dúas rexións (Galicia e Norte de Portugal) con estreitos lazos e similares problemas, constituíndo esta iniciativa unha excelente oportunidade para optimizar a xestión dos residuos a ambos os dous lados da frontera.
Saúdos, Departamento de Comunicación