- Realizaron unha visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda, que organizou e coordinou o propio Concello no marco do programa “MercaEscola”
- Estiveron acompañados polo concelleiro de Servizos, Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Ángel Vales, así como polo técnico de área, Santiago Andrade
- Tamén esta mesma semana visitaron Sogama usuarios da Asociación ASPABER Bergantiños
Cerceda, a 24 de maio de 2024.- Logo da sesión formativa sobre reciclaxe impartida por educadores de Sogama a veciños do municipio de Carballo dentro do programa “MercaEscola”, e que tivo lugar a finais de abril no mercado municipal, o interese dos participantes pola actividade desta empresa pública foi tal, que desde o Concello organizaron unha viaxe ao Complexo Medioambiental de Cerceda para que puidesen ver e comprobar por si mesmos o tratamento que reciben os refugallos que cada día producen nos seus fogares.
Acompañados polo concelleiro de Servizos, Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Ángel Vales, e polo técnico de área, Santiago Andrade, o colectivo recibiu unha nova charla na aula ambiental da sede de Sogama para refrescar conceptos e actualizar coñecementos, tendo a oportunidade de experimentar un itinerario virtual con lentes inmersivos 360º, a través dos cales se desprazaron polas distintas plantas que conforman o complexo cercedense para descubrir a súa operativa e funcionalidades.
Comezaron pola planta de clasificación de envases lixeiros, onde os residuos da bolsa amarela sepáranse por tipoloxías para remitir aos centros recicladores, e proseguiron pola de recuperación de materiais contidos no lixo en masa (bolsa negra) e a de elaboración de combustible, sendo a función destas dúas últimas segregar aqueles refugallos susceptibles de ser reciclados para enviar á industria transformadora e acondicionar, a partir dos non reciclables, un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade.
Os carballeses mostráronse en todo momento moi participativos e, no transcurso da xornada, fixeron gala dun gran coñecemento do contedor marrón, presente nas rúas do seu concello, que foi pioneiro na implantación da recollida diferenciada da materia orgánica a través deste recipiente. Tamén da compostaxe doméstica, que aseguraron practicar aqueles que habitan en vivendas unifamiliares con terreo para elaborar o seu propio compost, un abono 100% natural.
Así mesmo, animáronse a competir nas máquinas de xogos arcade, onde, non só deixaron constancia do seu pleno dominio da recollida selectiva de residuos, senón da súa axilidade cos mandos, destrezas, atención e concentración.
Visita ASPABER Bergantiños
Tamén esta mesma semana, Sogama recibiu a visita dun grupo de usuarios da Asociación ASPABER (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidades Psíquicas de Bergantiños), que seguiron a mesma dinámica que os veciños carballeses, evidenciando en todo momento unha gran curiosidade no proceso de xestión de residuos, a tenor do elevado número de preguntas efectuadas aos monitores e o interese mostrado na rastrexabilidade do residuo, desde que se produce ata que se recolle, transpórtase e trátase.
Saúdos, Departamento de Comunicación