- As primeiras experiencias tiveron lugar a través duns xogos específicos adaptados a distintos tramos de idade. É o caso de ¡Recolle!, concibido para Educación Infantil (3 a 6 anos), “Corre e percorre”, deseñado para Educación Primaria (6 a 12 anos), e “Únete, ti decides”, orientado a estudantes de Secundaria.
- Adicionalmente, elaboráronse dous instrumentos para apoiar o coñecemento da compostaxe e os seus beneficios. É o caso da Stop Motion sobre autocompostaxe e “Apúntate á compostaxe!”, este último enmarcado no proxecto europeo Res2ValHum.
- A redución do desperdicio alimentario tamén conta co seu propio xogo: “Nesta casa non se tira nada”.
Cerceda, a 30 de agosto de 2019.- Nas últimas campañas educativas de Sogama, os xogos interactivos tiveron unha presenza relevante pola súa contribución á formación e concienciación dos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos, constituíndo unha ferramenta efectiva para reforzar os coñecementos na materia desde unha dimensión lúdica.
Os primeiros ensaios tiveron lugar a través duns xogos específicos adaptados a distintos tramos de idade. É o caso de “¡Recolle!”, concibido para Educación Infantil (3 a 6 anos) e a través do cal os pequenos aprenden a identificar as distintas tipoloxías de refugallos e o seu contedor de destino, propiciando desta forma o seu posterior reciclado.
O segundo, “Corre e percorre”, deseñado para Educación Primaria (6 a 12 anos) vai máis aló ao pretender que os nenos interioricen o circuíto que os residuos deben percorrer desde que se producen ata que son recuperados, ben a través da súa reciclaxe ou ben a través da súa valorización enerxética, no caso da fracción non reciclable.
Pola súa banda “Únete, ti decides”, pensado para estudantes de Educación Secundaria, ten por obxecto promover a reflexión sobre hábitos de consumo e compras responsables, propiciando a toma de decisións sobre que facer co lixo xerado e avaliar as consecuencias das mesmas.
Adicionalmente, elaboráronse dous instrumentos para apoiar a divulgación da compostaxe e os seus beneficios. É o caso da experiencia Stop Motion sobre autocompostaxe, que permite aos internautas construír unha historia vinculada á reciclaxe da materia orgánica e elaborar o seu propio vídeo a través dos recursos proporcionados (elementos, obxectos, personaxes e situacións que formarán parte do mesmo).
Así mesmo, e no marco do proxecto europeo Res2ValHum, que ten por obxecto poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido, o xogo didáctico tamén está presente co lema “¡Apúntate á compostaxe!”, ensinando aos usuarios os pormenores e beneficios do compostaxe doméstico e industrial.
A redución do desperdicio alimentario conta igualmente co seu propio xogo. Co título “Nesta casa non se tira nada”, proporciónanse consellos, técnicas e recomendacións para evitar que a comida acabe no cubo do lixo, e evitar as nocivas consecuencias desta mala práctica desde o punto de vista ambiental, económico, social e tamén moral.
http://www.sogama.gal/gl/info/xogos-escolares
Saúdos, Departamento de Comunicación