- O fin último é que se afiance a reciclaxe da materia orgánica en orixe, diminuíndo deste xeito a cantidade de lixo a depositar nos contedores verdes convencionais, circunstancia que lles permitirá aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
- No caso de Pantón, a autocompostaxe ampliouse a 50 novas vivendas, facendo un total de 240 as familias adscritas á mesma e, en Ribas de Sil, estendeuse a 25, sumando 75 os fogares participantes.
Cerceda, a 1 de outubro de 2021.- Ante a excelente acollida do programa de compostaxe doméstica iniciado no seu momento nos municipios lucenses de Pantón e Ribas de Sil coa colaboración de Sogama, ambos ambos os dous concellos decidiron ampliar esta iniciativa a máis fogares. O fin último é que a reciclaxe da materia orgánica en orixe se afiance, diminuíndo desta forma a cantidade de lixo a depositar nos contedores verdes convencionais, o que se traduce nun menor impacto ambiental derivado da recollida e transporte desta fracción de residuos por parte dos servizos municipais e un aforro económico para as arcas locais.
No caso de Pantón, a autocompostaxe ampliouse a 50 novas vivendas, facendo un total de 240 as familias adscritas ao mesmo e, en Ribas de Sil, estendeuse a 25, sumando 75 os fogares participantes.
Os composteiros, subministrados por esta empresa pública, teñen capacidade para 400 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables. Xunto con cada recipiente entrégase un manual didáctico no que se describe a técnica a aplicar e os pasos a dar desde o propio emprazamento do composteiro ata a aplicación do abono resultante que, polo xeral, cumpre con todos os requisitos de calidade esixidos pola normativa vixente, podendo ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións. Tamén se dá resposta ás preguntas máis frecuentes dos usuarios e explícase como resolver os problemas máis comúns.
Trátase, en definitiva, de recuperar unha práctica que forma parte da tradición do medio rural, pero que, grazas ao composteiro, lévase a cabo dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
CONTEDOR MARRÓN
Noutra orde de cousas, os concellos galegos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar nas rúas o denominado quinto contedor, de cor marrón, destinado á recollida selectiva da materia orgánica.
Se ben a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, está a despregar unha rede de infraestruturas conformada por catro plantas de biorresiduos (unha delas en Cervo) e 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento do residuo orgánico. Desta forma, a meirande parte dos municipios galegos terán acceso á valorización da materia orgánica recollida de forma diferenciada, dispoñendo dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Saúdos, Departamento de Comunicación