- Así se pronunciou Alicia García-Franco, directora xeral de FER, con motivo da súa participación no “Encontro Internacional sobre Economía Circular”, celebrado en Guipuzkoa
- Abundou en que a economía circular debe achegar ás empresas beneficios non soamente económicos, senón tamén vantaxes competitivas e unha maior proxección de futuro, debido a que require de grandes investimentos”
- Reclamou darlle moita máis importancia ao ecodeseño dos produtos para incrementar a súa duración, reutilización e reciclaxe, á vez que incidiu na importancia de impulsar novas pautas de consumo responsable entre a cidadanía e implicala na separación dos residuos en orixe.
Cerceda, a 2 de febreiro de 2023.- Onte arrincou en Gipuzkoa a primeira xornada do “Encontro Internacional sobre Economía Circular”, organizado polo Departamento de Medio Ambiente da Deputación Foral de Guipuzkoa, en colaboración coa Confederación Europea de Industrias de Reciclaxe (EuRIC), a Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) e a Fundación para a Economía Circular (FEC).
O evento, que xa alcanza a súa quinta edición, conta coa participación de 47 relatores de todo o mundo e cun aforo conformado por máis de 350 persoas rexistradas de 10 países diferentes.
Na súa presentación, Ión Olaeta, presidente de FER (Federación Española de la Recuperación y el Reciclaje) destacou o amplo programa do evento, así como “a presenza de sectores tan importantes para acelerar a transición cara á economía circular como os da construción, o téxtil ou a alimentación, nos que existe unha gran marxe de mellora no que a recuperación, reutilización e reciclaxe se refiredos residuos que xeran”.
Neste marco, proporcionou algunhas cifras de interese: en 2020, o sector da construción en España, cun total de 32,5 millóns de toneladas, foi o que máis residuos xerou (un 30,8% do total); no noso país prodúcense anualmente 890.244 toneladas de residuos téxtiles, das que só se reutilizan ou reciclan 97.927 toneladas, un exiguo 11%; e, por último, segundo un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente de 2020, os biorresiduos representan máis do 34% dos residuos sólidos urbanos xerados, ascendendo a 86 millóns de toneladas en 2017 dentro dos 28 países da Unión Europea”.
VANTAXES DA ECONOMÍA CIRCULAR
Pola súa banda, Alicia García-Franco, directora xeral de FER, con motivo da súa intervención na mesa “Novas formas de produción e consumo: comportamentos, ecodeseño e concienciación”, analizou diversas claves para acelerar o cambio do actual modelo económico lineal ao circular: “É fundamental outorgarlle moita máis importancia ao ecodeseño, concentrando os esforzos no inicio da cadea da reciclaxe, na fase de deseño dos produtos, para incrementar a súa duración, reutilización e reciclado; para isto, os novos materiais e produtos que se fabriquen deben ser pensados tanto para ter unha longa vida útil como para poder reciclarse na súa totalidade”.
Outro aspecto clave para García-Franco “é facer que a economía circular sexa rendible para as empresas, achegando beneficios non soamente económicos, senón tamén vantaxes competitivas e unha maior proxección de futuro, debido a que require de grandes investimentos dun cambio no modelo de produción”, ao que engadiu que “xa hai numerosas empresas que están a apostar pola economía circular e, sen dúbida, gozarán dunha vantaxe competitiva fronte ás que aínda non o fixeron porque atraerán investimentos responsables e facilitarán o acceso a novas fontes de financiamento; terán maior seguridade na cadea de subministración, debido a unha menor dependencia de materias primas virxes, ao utilizar materiais reciclados nos seus procesos de produción; incrementarán o seu valor apostando pola innovación e o desenvolvemento de novas liñas de negocio; mellorarán a súa reputación e a súa imaxe de marca; facilitarán a súa adaptación normativa en materia ambiental, evitando o risco de sanción por incumprimento, e diminuirán os riscos asociados a un elevado impacto ambiental e social”.
INCENTIVAR UN CONSUMO RESPONSABLE
Por último, a directora xeral de FER incidiu na importancia de impulsar novas pautas de consumo entre a cidadanía para avanzar cara á economía circular: “Como cidadáns debemos apostar decididamente por un consumo responsable, que implique unha profunda reflexión antes de adquirir un ben, respondendo á pregunta de se verdadeiramente o necesitamos; ademais, debemos separar e levar os residuos aos contedores axeitados, puntos limpos ou xestores porque se non somos capaces de implicar á inmensa maioría dos nosos concidadáns na separación dos residuos en orixe, de nada servirá dispoñer dos equipamentos e as tecnoloxías para convertelos en recursos”, sentenciou
Fonte: FER
Imaxe: Pexels