- O obxectivo é crear un tratado mundial xuridicamente vinculante, pois, de non executar medidas eficaces e necesarias, a cantidade de refugallos plásticos que acceden aos ecosistemas acuáticos podería case triplicarse, cunha proxección de 23 a 37 millóns de toneladas por ano para 2040
Cerceda, a 29 de maio de 2023.- París acolle esta semana o segundo período de sesións do Comité Internacional de Negociación (CIN), o CIN-2, no que os países analizarán un documento de opcións que servirá de base para os debates. Este documento recompila os debates mantidos no primeiro período de sesións (CIN-1), así como as comunicacións escritas dos Estados membros previas ao CIN-2, e no mesmo expóñense as posibles obrigacións con opcións para ambas as partes, tanto para medidas xuridicamente vinculantes como voluntarias que abordan o ciclo de vida completo dos plásticos.
Este CIN-2 constitúe o seguinte paso dun proceso que comezou en febreiro de 2022, na continuación do quinto período de sesións da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEA-5.2), cando se adoptou unha resolución histórica para elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, en particular no medio mariño. O obxectivo é concluír as negociacións para finais de 2024.
O instrumento xurídico baséase nun enfoque integral que aborde todo o ciclo de vida do plástico. O CIN abordará as maneiras de promover a produción e o consumo sostibles deste material mediante, entre outras cousas, o deseño de produtos e a xestión ambientalmente racional dos refugallos, así como a través de enfoques de eficiencia de recursos e de economía circular.
A rápida aceleración da contaminación por plásticos representa un grave problema ambiental en todo o mundo que provoca impactos negativos desde a dimensión medioambiental, económica, social e sanitaria do desenvolvemento sostible. De non executar medidas eficaces e necesarias, a cantidade de refugallos plásticos que acceden aos ecosistemas acuáticos podería case triplicarse, cunha proxección de 23 a 37 millóns de toneladas por ano para 2040.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels