
- Unha vez adoptado, os Estados membros disporán de 20 meses para actualizar as súas lexislacións nacionais e aliñalas coas novas disposicións
Cerceda, a 19 de febreiro de 2025.- Co obxectivo de reducir significativamente o desperdicio de alimentos para 2030 e fomentar un sector téxtil máis sostible e con menos residuos, a Presidencia do Consello e os representantes do Parlamento Europeo acadaron un acordo provisional, pendente de aprobación formal por ambas as dúas institucións, para revisar a Directiva marco sobre residuos.
Paulina Hennig-Kloska, ministra polaca de Clima e Medio Ambiente, afirmou que "o acordo sobre os residuos téxtiles supón un paso importante cara a unha economía europea sólida, circular e competitiva, á vez que respecta o principio de quen contamina paga". Así mesmo, destacou que, por primeira vez, a UE establece obxectivos concretos para reducir o desperdicio de alimentos, o que contribuirá a crear sistemas alimentarios máis sostibles.
Redución do desperdicio de alimentos para 2030
Os compromisos adquiridos inclúen:
• Reducir nun 10 % os residuos xerados durante o procesamento e fabricación de alimentos, en comparación coa media de 2021-2023.
• Diminuír nun 30 % per cápita os residuos procedentes do comercio minorista, restaurantes, servizos de alimentación e fogares, tomando como referencia o mesmo período.
Ademais, foméntase a doazón voluntaria de alimentos non vendidos que sexan seguros para o consumo humano como unha estratexia crave para reducir o desperdicio alimentario.
Sector téxtil máis responsable
No ámbito téxtil, o acordo introduce normas harmonizadas ao redor da responsabilidade ampliada do produtor, o que significa que os fabricantes e as marcas de moda serán responsables da xestión dos seus residuos e deberán abonar unha tarifa que financiará a recollida e o tratamento dos mesmos. Este importe dependerá do sostible e circular que sexa o deseño dos seus produtos.
Implementaranse medidas específicas para abordar a xeración excesiva de residuos no sector da moda rápida e ultrarrápida, co fin de evitar o desperdicio de produtos antes de que cumpran coa súa vida útil potencial.
Ademais, os Estados membros terán a facultade de axustar as tarifas que pagan os produtores segundo a durabilidade e o tempo de uso dos téxtiles.
Para garantir a equidade competitiva, todas as empresas, incluídas as microempresas, estarán suxeitas ás mesmas normas. Con todo, estas últimas contarán cun prazo adicional dun ano para cumprir coas obrigacións, o que supón un total de 3,5 anos desde a entrada en vigor das novas regulacións.
Unha vez adoptado o acordo, os Estados membros disporán de 20 meses para actualizar as súas lexislacións nacionais e aliñalas coas novas disposicións.
Pola súa banda, a Comisión Europea revisará diversos aspectos do Directiva marco sobre residuos, incluíndo o financiamento dos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor e a viabilidade de establecer novos obxectivos para a redución de residuos téxtiles antes de 2029.
Así mesmo, para 2027 avaliarase o papel da produción primaria no desperdicio de alimentos, o impacto dos cambios nos niveis de produción e a posible actualización dos obxectivos de redución de desperdicio alimentario para 2030 e 2035.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay