
- Visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda para visualizar e comprobar por si mesmos a súa operativa, constituíndo unha actividade práctica que lles axudou en boa medida a comprender a importancia que ten incorporar a sostibilidade á xestión dos residuos
Cerceda, a 24 de abril de 2025.- Un grupo de persoas que participan nun curso de xestión de residuos urbanos e industriais con certificado de profesionalidade promovido polo concello de Narón (A Coruña) a través do Centro de Formación Irmás Froilaz, visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para reforzar os seus coñecementos na materia e ver, desde unha dimensión máis práctica, a actividade desenvolvida nesta infraestrutura para o tratamento dos residuos municipais producidos por 295 concellos e que suman preto de 800.000 toneladas anuais.
Técnicos da empresa foron os encargados de explicar a operativa do Complexo e as fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia desta empresa pública: bolsa amarela, recollida a través do contedor da mesma cor e conformada por envases de plástico, latas e briks, que son separados por tipoloxías nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros recicladores; e bolsa negra (resto), recollida a través do contedor xenérico e da que se recuperan, para o seu posterior reciclado, aqueles materiais que deberían ser depositados en orixe noutros contedores de recollida selectiva. Coa parte non reciclable acondiciónase un combustible CDR que se valoriza energéticamente nunha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica renovable.
Todo este proceso puido ser constatado polos integrantes do grupo nun percorrido virtual, que logo se complementou cun específico a pé, para o que foron equipados con lentes inmersivas 360º, permitíndolles acceder a todos os recunchos do Complexo industrial para unha mellor comprensión da súa operativa.
Adicionalmente, Sogama encárgase da xestión dunha terceira fracción de residuos, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, e que procesa en 4 plantas de biorresiduos (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) para a súa transformación en compost, un abono natural que, ademais de achegar nutrientes ao solo (terras de cultivo, xardíns e hortos), tamén o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación