- Así reza o lema que enmarcará a cuarta Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, a celebrar en Nairobi do 11 ao 15 de marzo.
- A atención centrarase nesta ocasión na articulación de solucións innovadoras para os desafíos ambientais, así como na produción e o consumo sostibles.
- Ademais, durante a Asemblea lanzarase o sexto informe Perspectiva do Medio Ambiente Mundial, unha radiografía que ONU Medio Ambiente fai de forma periódica sobre o estado dos sistemas de enerxía, alimentos e residuos do planeta.
- As xornadas e sesións paralelas á Asemblea constituirán unha oportunidade para profundar en temas de actualidade tales como a contaminación por plásticos, a creación de emprego verde e a moda sostible.
Cerceda, a 19 de febreiro de 2019.- Do 11 ao 15 de marzo, Nairobi (Kenia) acollerá a cuarta Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, erixíndose no principal evento ambiental de 2019. A atención centrarase nesta ocasión en torno á articulación de solucións innovadoras para os desafíos ambientais, así como na produción e o consumo sostibles.
Tal e como sinalou Joyce Msuya, Directora Executiva Interina de ONU Medio Ambiente, “crecemos a expensas do noso planeta e, se queremos garantir un futuro sostible, debemos traballar unidos para transformar os patróns de produción e consumo”.
Pola súa banda, Siim Kiisler, Ministro de Medio Ambiente de Estonia e Presidente da cuarta sesión da Asemblea, asegurou que, a pesar do progreso, hai unha barreira que impide o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, xa que as eleccións que facemos na nosa vida diaria continúan alentando patróns insostibles de produción e consumo que exceden os límites do noso planeta.
Neste marco, e baixo o lema “Pensa no planeta. Vive simple”, os Estados membros que conforman a Asemblea traballarán en solucións coas que promover a sostibilidade a nivel mundial a través de políticas transformadoras, tecnoloxías seguras para o medio ambiente, novos esquemas de financiamento, educación, investigación, desenvolvemento e innovación, así como outras estratexias creativas.
Ademais, durante o evento lanzarase o sexto informe Perspectiva do Medio Ambiente Mundial, unha radiografía que ONU Medio Ambiente fai de forma periódica sobre o estado dos sistemas de enerxía, alimentos e residuos do planeta.
As xornadas e sesións paralelas constituirán unha oportunidade para desgranar os últimos achados, informes e accións no ámbito medioambientais. É o caso da loita contra a contaminación por plásticos, a forma en que a industria do xogo pode promover o cumprimento dos ODS, e a creación de emprego verde, fundamentalmente no sector das enerxías renovables, que podería aumentar desde os 8,1 millóns na actualidade aos máis de 24 millóns en 2030. Tamén se abordará o lanzamento da Alianza das Nacións Unidas para a Moda Sostible, un sector económico clave cuxa pegada ecolóxica debe ser reducida mediante un sistema circular na cadea téxtil.
A Asemblea da ONU para o Medio Ambiente é o máximo órgano mundial de toma de decisións ambientais no que participan Xefes de Estados, Ministros de Medio Ambiente, líderes de empresas multinacionais, ONG e outros actores de peso.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación