- A FAO comparte coa cidadanía sinxelas accións coas que avanzar cara a un mundo sen fame.
- O menor consumo de carne, a redución do desperdicio alimentario, a preservación da auga e o solo, e o apoio aos agricultores locais, entre as claves.
- Apela á necesidade de respectar os alimentos que cada vez son máis difíciles de producir.
Cerceda, a 23 de xaneiro de 2019.- Entre outros factores, o cambio climático está provocando que aumente a fame no mundo. As variacións extremas de temperatura e os fenómenos meteorolóxicos adversos fan que sexa máis difícil producir os alimentos para satisfacer as necesidades nutricionais dunha poboación mundial en constante crecemento.
Cada un de nós pode facer algo para reverter esta situación. A FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) proporciónanos as claves:
1.- Dieta diversa, equilibrada e sostible na que se diminúa o consumo de carne, para cuxa produción se precisan moitos recursos naturais, especialmente auga. Para producir 1 quilo de lentellas necesítanse 1.250 litros de auga; para producir 1 quilo de carne, 13.000 litros. A diferenza é evidente.
2.- Menos desperdicio alimentario. Cada ano refugamos un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano. Isto significa que estamos dilapidando os recursos necesarios para a produción dos mesmos (terra, enerxía, combustible, man de obra).
3.- Comprar unicamente o que se necesita, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, coas mesmas propiedades que os guapos (saben igual de ben), revisar a despensa e a neveira para consumir antes os produtos máis antigos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
4.- Reducir o consumo de auga, elemento básico para a vida. Ducharse en lugar de bañarse ou pechar a billa mentres nos cepillamos os dentes. Xestos que non supoñen esforzo, requirindo unicamente dun pouco de atención. Se evitamos arroxar comida ao cubo do lixo, tamén aforraremos auga. Necesítanse 50 litros para producir unha soa laranxa.
5.- Preservar o solo e ser moi cautelosos con algúns residuos domésticos de carácter perigoso e que nunca deberían acabar en vertedoiros ou en puntos de vertido ilegal. Reducir o consumo de plástico dun só uso tamén pode ser unha axuda. Se acaba arroxado á contorna, pode tardar séculos en degradarse, resultando unha grave ameaza no mar.
6.- Apoiar aos agricultores locais e a pequenas empresas da comunidade. Redúcese a contaminación á minorar as distancias que deben percorrer as mercancías para ser comercializadas.
En definitiva, respectemos a comida que cada vez é máis difícil de producir.
Fonte e imaxe: FAO
Saúdos, Departamento de Comunicación