- Tras ser recibidos polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o director xeral, Isidro García, percorreron o Complexo industrial de Cerceda, onde puideron coñecer de primeira man o tratamento que reciben os residuos procedentes de 295 concellos.
- A nova planta de recuperación de materiais, concibida en liña coa industria 4.0, concentrou a atención do grupo polo seu carácter innovador e o seu alto grado de eficiencia.
- A entrada en operación desta instalación, xunto coa remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e combustible, permitirán á empresa incrementar a súa achega á reciclaxe e reducir o vertido, seguindo as directrices da economía circular.
- E, neste modelo de desenvolvemento, FINSA xoga un destacado papel, sendo hoxe todo un referente no sector da transformación da madeira a nivel mundial.
Cerceda, a 14 de novembro de 2019.- Persoal do Departamento de Medio Ambiente de FINSA, empresa do sector da transformación da madeira e unha das iconas da economía galega, visitou esta mañá o Complexo industrial de Sogama en Cerceda.
Tras ser recibidos polo presidente desta Sociedade pública, Javier Domínguez Lino, e o director xeral, Isidro García, os integrantes do grupo percorreron as instalacións que conforman esta infraestrutura para coñecer en primeira persoa o tratamento que reciben as dúas fraccións de residuos procedentes de 295 concellos que xestiona Sogama, isto é, os envases depositados nos contedores amarelos, que son separados automaticamente nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros reciclados, e o lixo convencional introducido polos cidadáns no contedor verde xenérico.
Tamén neste caso, e grazas á entrada en operación da nova planta de recuperación de materiais, concibida en liña coa industria 4.0, a compañía consegue propiciar o reciclado de 11 tipoloxías de residuos, gañando en eficiencia e efectividade.
A nova instalación, xunto coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, constitúe unha importante mellora na actividade de Sogama que permitirá á entidade incrementar de forma exponencial a súa achega á reciclaxe e chegar en 2020 ao vertido técnico cero, é dicir, que só se levará a vertedoiro aquela parte dos residuos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Desta forma, a Sociedade Galega do Medio Ambiente contribúe a dar cumprimento aos obxectivos europeos en materia de residuos e aporta o seu gran de area na consecución dun modelo de desenvolvemento definido pola economía circular, que aposta por manter os produtos na economía o maior tempo posible, diminuíndo a xeración de residuos e, cando estes se producen, converténdoos en recursos.
FINSA, REFERENTE NO SECTOR A NIVEL MUNDIAL
Na actualidade, FINSA fabrica unha ampla variedade de produtos derivados da madeira e faino coa máis alta tecnoloxía para garantir un nivel máximo de calidade e excelencia.
O seu modelo empresarial enmárcase na economía circular, velando en todo momento polo crecemento, a protección ambiental e a creación de emprego.
As cifras de 2018, tal e como se reflicte na súa páxina web, falan por si soas: 3.347 persoas traballando, 916 millóns de euros en vendas e 86 millóns de euros en investimentos.
Saúdos, Departamento de Comunicación