- Un total de 14 concellos que teñen delegada a recollida, xestión e tratamento dos seus residuos na Deputación de Ourense, foron os primeiros en facer uso desta instalación
- Con carácter previo, o presidente do ente provincial, Luis Menor, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, rubricaron o correspondente acordo de adhesión, que regula a relación contractual entre ambas as dúas entidades
Ourense, a 11 de xaneiro de 2024.- A planta de biorresiduos de Verín (Ourense) entrou en funcionamento a finais de 2023, sendo os 14 concellos que teñen delegada a recollida, xestión e tratamento dos seus residuos na Deputación de Ourense, os primeiros en facer uso da mesma.
Con carácter previo, e en cumprimento da normativa europea vixente, o presidente da Deputación, Luis Menor, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, rubricaron o correspondente acordo de adhesión, que regula a relación contractual entre ambas as dúas entidades, activando desta forma a recollida diferenciada da materia orgánica a través dos contedores marróns localizados na contorna de grandes produtores tales como restaurantes, mercados e colexios. En total, 1.600 quilos de restos orgánicos entregados a finais do pasado mes de decembro, que serán convertidos en abono.
A instalación verinense, xunto con outras tres plantas destas características situadas en Cerceda (A Coruña), Cervo (Lugo) e Vilanova de Arousa (Pontevedra), ademais de trece de transferencia ás que se dotou dun sistema de transvasamento específico para a materia orgánica, conforman a rede pública de infraestruturas para a valorización desta fracción, á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros, contando con cofinanciamento dos Fondos FEDER REACT EU.
O compost obtido será utilizado posteriormente no sector da agricultura e a xardinería, dados os seus importantes beneficios para o solo pola súa achega de nutrientes e a súa capacidade protectora fronte a pragas e enfermidades.
Innovación e autosuficiencia enerxética
Cun investimento superior aos 6 millóns de euros, a planta de Verín está preparada para dar servizo aos 22 concellos da súa área de influencia directa, que suman unha poboación próxima aos 50.000 habitantes. Dispón de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estructurante, e estímase que produza 1.500 toneladas/ano de compost.
Está equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como na redución do nivel de ruídos, garantindo desta forma unha operativa totalmente respectuosa coa contorna. Así mesmo, é autosuficiente dende o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables.
Saúdos, Departamento de Comunicación