- Pretende axudalos a explorar como contribuír a desvincular a creación de valor da extracción de recursos, mellorando ao mesmo tempo o benestar
- Considera que os comunicadores poden ser parte da solución e axudar a avanzar cara aos ODS e o Acordo de París
- O sector da moda considérase responsable de entre o 2% e o 8% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, incluído o 9% das perdas anuais de microplásticos nos océanos, á vez que consome 215 billóns de litros de auga anuais
Cerceda, a 7 de setembro de 2023.-O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e ONU Cambio Climático lanzaron recentemente o Manual de Comunicación sobre Moda Sostible, unha guía na que se destaca a importancia de promover un cambio na comunicación da moda para facer posible un sector máis sostible e circular, chamando a atención sobre o rol crave que teñen os vendedores, xestores de marca, creadores de imaxes, narradores, medios de comunicación e persoas influentes, entre outros.
O Manual mostra aos comunicadores como actuar: 1) contrarrestando a desinformación, 2) reducindo as mensaxes que perpetúan o consumo excesivo, 3) reorientando a aspiración cara a estilos de vida máis sostibles e 4) empoderando aos consumidores para que esixan ás empresas e aos responsables políticos unha maior acción climática. En última instancia, pretende axudar aos comunicadores a explorar como contribuír a desvincular a creación de valor da extracción de recursos, mellorando ao mesmo tempo o benestar.
O sector da moda considérase responsable, por exemplo, de entre o 2% e o 8% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, así como de importantes impactos na contaminación, a extracción de auga e a biodiversidade, incluído o 9% das perdas anuais de microplásticos nos océanos, á vez que consome 215 billóns de litros de auga anuais.
Neste sentido, abordar os impactos da produción resulta crave, así como promover un cambio nos patróns de consumo excesivo nos mercados principais, o que significa enfrontarse ao modelo económico lineal dominante e á narrativa de novidade, inmediatez e refugabilidade que o acompaña.
Parte da solución
A guía recoñece o poder da mercadotecnia e o importante papel que desempeña na formación do desexo, aspiracións e niveis de consumo. Ademais, presenta como unha oportunidade para a creatividade a necesidade de reorientar estes esforzos cara a solucións sostibles e circulares, e proporciona un marco sobre como comunicar as reivindicacións ambientais. Desta maneira, os comunicadores poden ser parte da solución e axudar a avanzar cara aos ODS e o Acordo de París.
O Manual de Comunicación sobre Moda Sostible ofrece orientacións prácticas, incluída unha lista do que se debe e non se debe facer, así como estudos de casos como exemplos de boas prácticas. No mesmo recoñécese que o cambio de comportamento individual por si só non será suficiente e que tamén son necesarios cambios sistémicos a nivel empresarial, social e político.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels