- Sogama proporcionou ao Concello outros tantos composteiros, cuxa función é facilitar a autoxestión da materia orgánica ás familias participantes, facendo que o proceso sexa máis eficiente, cómodo e hixiénico
- Con esta nova partida, serán 180 as familias do municipio adscritas a esta iniciativa, con importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais
Cerceda, a 27 de marzo de 2023.- A petición do Concello, Sogama subministrou a Ponteceso (A Coruña) medio cento de composteiros a fin de que estes sexan entregados noutros tantos fogares, permitíndolles autoxestionar a súa propia materia orgánica, que converten en compost, un fertilizante de alta calidade para ser aplicado en terras de cultivo, xardíns e hortas.
Se ben o composteiro non é imprescindible para levar a cabo este proceso, si resulta de gran utilidade, xa que posibilita unha operativa máis eficiente, cómoda e hixiénica.
Tratar in situ a fracción orgánica achega unha serie de vantaxes, podendo destacar a redución da cantidade de residuos depositados no contedor xenérico, circunstancia que propicia unha menor frecuencia de recollida e transporte desta fracción, o que se traduce á súa vez en menos emisións de CO2 á atmosfera e tamén nunha diminución do custo no tratamento da mesma. Igualmente, proporciona aos usuarios un abono natural con excelentes propiedades para o solo, xa que lle aporta nutrientes e incluso o protexe fronte a pragas e enfermidades, evitando a compra de fertilizantes artificiais.
Sogama púxose ao dispor do Concello para impartir unha sesión formativa de carácter presencial dirixida aos veciños que compostan os seus residuos a fin de explicarlles de forma pormenorizada a dinámica a seguir e a técnica a aplicar, pois resulta de gran importancia a mestura equilibrada, no propio composteiro, de material húmido e seco, así como o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Tamén se entregarán aos participantes manuais didácticos de apoio nos que se describen os pasos a dar para obter un abono que cumpra todos os parámetros de calidade esixidos pola normativa vixente.
Ademais, non debe esquecerse que a autocompostaxe permite recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o elaboración de compost, pechando desta forma o ciclo da materia orgánica, que regresa á terra para dar unha nova vida.
MÁIS DE 20.200 COMPOSTEIROS REPARTIDOS
A compostaxe da materia orgánica converteuse hoxe nun dos principais acenos de identidade de Sogama. Tanto é así, que esta empresa pública lidera en Galicia un programa de autocompostaXe ao que están adscritas 448 entidades (224 concellos, 193 centros educativos e 31 colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 20.200 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación