- Con esta partida enviada por Sogama, serán xa un total de 130 as familias deste municipio que autoxestionen a materia orgánica en orixe para a súa transformación en compost, un abono natural de alta calidade.
- A empresa pública tamén remitirá 20 composeiros a Cee, facendo un total de 100 os fogares participantes nesta iniciativa.
- As plantas de transferencia de Ponteceso e Cee son dúas das protagonistas da nova rede de infraestruturas impulsada pola Xunta de Galicia, e que executa Sogama, para que a meirande parte dos concellos adscritos a esta compañía poidan ter acceso á valorización da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón.
Cerceda, a 20 de outubro de 2021.- O Concello de Ponteceso (A Coruña) reforza o seu programa de compostaxe doméstica con 50 novos composteiros, xa remitidos por parte de Sogama a esta localidade e que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 130 recipientes.
O obxectivo do ente local é estender a autoxestión da materia orgánica en orixe e diminuír a cantidade de residuos depositados por parte da cidadanía nos contedores verdes xenéricos, propiciando que cada familia participante poida obter un compost de alta calidade e con excelentes propiedades fertilizantes e nutritivas para o solo.
Así mesmo, a empresa pública remitiu ao ente local manuais didácticos para repartir entre os veciños usuarios e, en data a acordar polas partes, impartirá un novo curso de formación para que os interesados poidan coñecer con máis detalle a técnica a aplicar e teñan a oportunidade de consultar todas as súas dúbidas.
Pola súa banda, Sogama, a petición do Concello de Cee, remitirá a esta localidade 20 novos composteiros, facendo un total de 100 os recipientes en funcionamento.
NA NOVA REDE
As plantas de transferencia de Ponteceso e Cee son dúas das protagonistas da nova rede de infraestruturas impulsada pola Xunta de Galicia e que executa Sogama para que a meirande parte dos concellos adscritos a este sistema poidan ter acceso á valorización da materia orgánica.
De feito, en Cee construirase, no polígono industrial, unha nova planta de transferencia á que se destinarán 1,9 millóns de euros, e que contará cunha tolva específica para o transvase da materia orgánica recollida no seu momento a través do quinto contedor. Poderá transferir cada ano máis de 12.000 toneladas de residuos e tamén dará servizo, como ata o de agora, aos Concellos de Corcubión e Fisterra, podéndose ampliar a outros próximos.
No caso de Ponteceso, a nova planta de transferencia, na que se investirán 1,3 millóns de euros, terá capacidade para 12.500 toneladas/ano e, inicialmente, atenderá tamén aos Concellos de Cabana de Bergantiños, Malpica e Laxe.
Ambas as dúas instalacións estarán dotadas coas últimas tecnoloxías para garantir a súa eficiencia, así coma con depuradoras de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumos, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
O cofinanciamento destas actuacións correrá a cargo dos Fondos FEDER mobilizados pola UE en resposta á crise da COVID-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación