- Aínda que o desperdicio alimentario é habitual durante todo o ano, nestas Festas vese incrementado ao comprar máis produtos dos que realmente necesitamos, servir porcións máis grandes do que podemos comer, esquecernos do que temos na neveira, etc.
- A FAO proporciona 15 consellos de gran utilidade para evitar que a comida acabe no cubo do lixo
Cerceda, a 23 de decembro de 2022.-Aínda que o desperdicio alimentario é unha tónica habitual durante todo o ano, nas Festas de Nadal vese incrementado ao comprar máis produtos dos que realmente necesitamos, servir porcións máis grandes do que podemos comer, esquecernos do que temos na neveira, etc.
Estas malas prácticas supoñen unha maior presión sobre os recursos naturais, coa particularidade de que, cando desperdiciamos alimentos, tiramos pola borda o traballo e o esforzo dos agricultores, o investimento realizado, os combustibles necesarios para o transporte das mercancías, etc, sen esquecer que se contribúe ao aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro e, polo tanto, ao cambio climático.
Só entre a colleita e o nivel minorista pérdese preto do 14% do total de alimentos producidos en todo o mundo, desperdiciándose tamén grandes cantidades por parte do consumidor.
Ademais, a redución da perda e o desperdicio de alimentos é esencial nun mundo no que millóns de persoas padecen fame a diario. A FAO suxire 15 medidas fáciles que poden adoptarse para restablecer a conexión cos alimentos e o que significan:
1. Adopta unha dieta máis saudable e sostible
A vida móvese rápido e preparar comidas nutritivas pode ser complicado, pero as comidas saudables non teñen por que ser elaboradas.
2. Compra só o que necesitas
Planifica as túas comidas. Prepara unha lista da compra e cínguete a ela, evitando as compras impulsivas.
3. Elixe froitas e hortalizas feas
Non xulgues os alimentos pola súa aparencia. A miúdo tíranse á lixo froitas e hortalizas magulladas ou con formas estrañas porque incumpren unhas normas cosméticas arbitrarias. Non te preocupes, o sabor é o mesmo.
4. Almacena os alimentos con sensatez
Traslada os produtos máis antigos á parte dianteira do armario ou o frigorífico e coloca os novos na parte traseira. Utiliza recipientes herméticos para manter frescos no frigorífico os alimentos abertos e asegúrate de pechar os paquetes.
5. Comprende a etiquetaxe dos alimentos
Hai moita diferenza entre as datas de “consumo preferente” e “caducidade”. Ás veces, os alimentos continúan a ser inocuos para o consumo pasada a data de “consumo preferente”, mentres que a data de “caducidade” indica o momento en que o consumo deixa de ser inocuo.
6. Empeza polo pequeno
Serve en casa porcións máis pequenas ou comparte pratos máis grandes nos restaurantes.
7. Valora as sobras
Se non se come todo o que se prepara, conxélao para máis adiante ou utiliza as sobras como ingrediente doutra comida.
8. Fai uso dos alimentos desperdiciados
En lugar de tirar ao lixo refugallos de comida, elabora compost con eles. Desta forma devolverás nutrientes ao solo e reducirás a túa propia pegada de carbono.
9. Respecta os alimentos
Os alimentos póñennos en conexión a todos. Restablece a conexión cos alimentos coñecendo proceso de produción que comportan.
10. Apoia aos produtores de alimentos locais
Comprando produtos locais, prestas apoio a agricultores familiares e pequenas empresas da túa comunidade. Tamén contribúes á loita contra a contaminación ao diminuír as distancias que percorren os vehículos de transporte.
11. Mantén a flote as poboacións de peixes
Consome especies de peces que abunden máis, antes que outras que corren perigo de sobreexplotación. Compra pescado capturado ou criado de forma sostible.
12. Usa menos auga
Non podemos producir alimentos sen auga. Aínda que é importante que os agricultores utilicen menos auga para cultivalos, a redución do desperdicio de alimentos tamén aforra todos os recursos hídricos empregados na súa produción.
13. Mantén limpos os solos e a auga
Algúns desperdicios domésticos son, en potencia, perigosos e nunca deben botarse a un cubo de lixo xeral. Fíltranse nos nosos solos e a nosa subministración de auga, prexudicando aos recursos naturais cos que se producen os nosos alimentos.
14. Come máis legumes e verduras
Trata de consumir con máis frecuencia comidas a base de legumes ou cereais.
15. Compartir é coidar
Xa existen aplicacións a través das cales comercios, supermercados, etc, poden ofertar os excedentes de alimentos, evitando que estes acaben no lixo.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay