- Segundo un informe da AEMA, tres vías principais poden facer que a produción e o consumo de plásticos sexan máis sostibles: un uso máis intelixente dos mesmos, unha maior circularidade e máis materiais renovables.
Cerceda, a 28 de marzo de 2023.- Se ben os plásticos teñen moitas aplicacións útiles, o certo é que as tendencias mundiais da súa produción e consumo son actualmente insostibles. É por isto que as prácticas circulares e de sostibilidade ao longo do ciclo de vida destes materiais poden axudar a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, a contaminación e os residuos.
Segundo unha nova análise da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), xa existen moitos exemplos de boas prácticas que deberían ampliarse para facer posible unha economía circular dos plásticos en Europa. Así, o informe “Camiños cara a plásticos circulares en Europa -exemplos de boas prácticas de países, empresas e cidadáns”, pretende servir de inspiración a empresas, responsables políticos e cidadanía en xeral para que a produción e o consumo de plásticos sexan máis circulares e sostibles. Segundo o documento da AEMA, tres vías principais poden facelo posible: un uso máis intelixente dos plásticos, diminuíndo os envases innecesarios e artigos dun só uso; unha maior circularidade, propiciando que os produtos duren máis e sexan máis fáciles de reutilizar e reparar; e máis materiais renovables.
Para aumentar a circularidade é necesario prolongar o uso e a reutilización dos produtos, e mellorar a recollida, a clasificación e a reciclaxe dos plásticos. Algúns exemplos de boas prácticas son as tendas que se ofrecen a recuperar os seus propios produtos ao final do seu ciclo de vida, o que pode mellorar a calidade dos materiais reciclados ou permitir algún tipo de reutilización. O papel dos consumidores tamén é fundamental á hora de elixir que comprar e garantir unha reciclaxe axeitada.
Aumentar o uso de materiais renovables implica, por exemplo, utilizar máis plásticos reciclables e de base biolóxica, en lugar de depender unicamente dos combustibles fósiles e as súas importacións.
Tal e como manifesta a AEMA, existe un gran potencial para ampliar os modelos de negocio circulares, reforzar as políticas, reducir o consumo innecesario e mellorar a reciclaxe.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay