- Celébrase hoxe mesmo, vía online, con motivo da conmemoración do Día Nacional da Seguridade Alimentaria.
- Os contidos contemplados no programa están vinculados á actual pandemia do COVID-19, a xestión da crise e a seguridade alimentaria.
Cerceda, a 17 de novembro de 2020.- Hoxe conmemórase o Día Nacional da Seguridade Alimentaria e, con tal motivo, Alcyta (Asociación Española de Licenciados, Doutores e Graduados en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos) organizou unha xornada virtual que, baixo o título "Presente e futuro na industria alimentaria", arrincou ás 11:00 horas desta mañá e culminará ás 19:30.
Os contidos contemplados no programa están vinculados á actual pandemia, a xestión da crise e a seguridade alimentaria.
A sesión matutina, moderada por Isabel Cambero, conta coa participación de Miguel Ángel Lurueña, quen falará da necesidade de informar con rigor para combater a desinformación; Arancha Martín Lizaso, que abundará na capacidade de resposta e adaptación na industria alimentaria en tempos de COVID-19; Izaskun Agirrezabalaga, quen se fará eco da cultura de seguridade alimentaria na empresa; e Cristina Serra, que intervirá co relatorio “Microbioloxía preditiva: da investigación á industria”.
A sesión de tarde, moderada por Gaspar Ros, contará coas achegas de Miguel Ángel López, que exporá a adaptación do sector da restauración pola COVID-19; Pablo Rodrigo, que disertará sobre as oportunidades da tecnoloxía blockchain para a seguridade alimentaria; Beatriz Robles, cuxa intervención leva por título “Comemos máis seguro, pero menos saudable”; e Beatriz Buitrón, encargada de dar a coñecer a situación actual das normas IFS e BRC.
SOBRE ALCYTA
A Asociación Española de Licenciados, Doutores e Graduados en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos é unha Asociación sen ánimo de lucro creada en 1994 para representar a estes profesionais e que ten como fin a unificación de todas as Sociedades de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos para a obtención do Colexio Profesional que represente a estes titulados.
Desde os seus comezos, ALCYTA realizou multitude de congresos e xornadas científicas de interese nacional e colaborou con numerosas organizacións da cadea alimentaria.
Esta asociación é promotora e xestora do Día Nacional da Seguridade Alimentaria, que se celebra cada 17 de novembro (http://www.dnsa.es/)