- Esta entidade pública subministroulles os composteiros, con capacidade para 350-400 litros, e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- A fin de pechar o círculo de recuperación dos residuos orgánicos, para participar neste programa os centros deben contar con terreo no que aplicar o compost resultante (xardín ou horta).
- A iniciativa concíbese, así mesmo, como unha oportunidade para a formación ambiental, xa que son os propios escolares e docentes os encargados de vixiar a operativa desde o punto de vista técnico.
- Sogama tamén pón a disposición das escolas distintos recursos didácticos para instruír á comunidade educativa na valorización da materia orgánica.
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2020.- Preto de 130 colexios de toda Galicia practican actualmente a autocompostaxe coa axuda de Sogama. A entidade pública subministroulles os composteiros, propiciando desta forma que a transformación da materia orgánica en compost lévase a cabo de forma cómoda e hixiénica.
Fabricados con materiais reciclados e reciclables, os recipientes contan con capacidade para 350-400 litros.
Para participar neste programa, os centros deben dispoñer dun lugar axeitado no que colocar o composteiro , que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, e dun recinto, sexa horta ou xardín, no que aplicar o abono resultante.
A iniciativa concíbese como unha oportunidade para a formación ambiental, xa que son os propios escolares e docentes os encargados de vixiar a operativa desde o punto de vista técnico, mantendo un estrito control sobre parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, garantindo desta forma a obtención dun compost de alta calidade.
Así mesmo, Sogama imparte clases prácticas que complementan a formación teórica e que resultan de gran utilidade para que pequenos e mozos comprendan e interioricen a importancia de recuperar a materia orgánica, toda vez que esta representa en torno ao 42% dos residuos urbanos producidos nos fogares.
RECURSOS PEDAGÓXICOS
A fin de reforzar a fase de instrución, os colexios teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal na que se explican os pormenores da autocompostaxe e as súas vantaxes desde o punto de vista ambiental, económico e social.
Xogos didácticos, experiencias STop Motion e vídeos complementan o material divulgativo ofertado, que se reforza cos recursos pedagóxicos enmarcados no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal “Res2ValHum”, no que Sogama participa en calidade de socio, e cuxo obxecto é poñer en valor a materia orgánica e indagar en novos usos para o compost .
En total son 333 entidades, entre centros educativos, concellos e colectivos sociais, as adscritas ao programa de compostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas 11.160 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación