- Educadores deste empresa pública impartirán mañá, no CEIP San Roque de Darbo, tres sesións formativas nas que participarán alumnos/as de 4º a 6º de Educación Primaria.
- Falarase da problemática que trae consigo a elevada xeración de lixo e de como facer fronte ao mesmo a través dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
- Os refugallos mariños figuran igualmente entre as temáticas a abordar, do mesmo xeito que a valorización da materia orgánica a través da compostaxe.
- Tamén se darán unhas pinceladas sobre o proceso de ampliación de Sogama, que ten tres obxectivos concretos: tratar en condicións óptimas todos os residuos recibidos, incrementar a reciclaxe e chegar ao vertido técnico cero.
Cerceda, a 24 de abril de 2019.- O CEIP San Roque de Darbo, pertencente ao concello pontevedrés de Cangas, solicitou a colaboración de Sogama para instruír ao seu alumnado nas boas prácticas ambientais e dispoñer dos recursos necesarios para xestionar os residuos urbanos de forma axeitada.
A cita será mañá e os educadores de Sogama atenderán, a partir das 10:00 horas, a tres grupos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. En total, preto de 150 alumnos/as.
Abundarase na necesidade de colaborar na correcta xestión dos refugallos, comezando pola propia prevención e o consumo responsable. Para isto proporcionaránselles as pautas que deberán ter en conta á hora de comprar e cubrir as súas necesidades, así como a pertinencia de poñer fin ao caduco modelo de usar e tirar, propiciando o máximo aproveitamento dos produtos.
Igualmente, explicaráselles a forma correcta de separar os seus residuos en orixe e detallarase a relación de materiais a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva para posibilitar o seu posterior reciclado e, polo tanto, o aforro de enerxía e materias primas.
Así mesmo, chamarase a atención sobre o lixo mariño e a contaminación por plásticos, que ocasionan graves prexuízos para a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
A recuperación da materia orgánica a través da compostaxe tamén cobrará protagonismo nas sesións formativas, toda vez que este centro conta cun composteiro, reforzado con outro proporcionado por Sogama, no que a comunidade educativa deposita a materia orgánica xerada no comedor e nas propias merendas dos pequenos para convertela en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, xa que mellora a súa estrutura, apórtalle nutrientes e protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
AMPLIACIÓN DE SOGAMA: MÁIS RECICLAXE E MENOS VERTIDO
A fin de incrementar a súa achega á reciclaxe, a empresa puxo en marcha, en novembro de 2018, unha nova planta, concibida en liña coa industria 4.0, para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa. A través da mesma logra recuperar ata 11 tipoloxías de residuos que remite aos centros recicladores. Esta mellora forma parte do proxecto de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, que verá incrementada a súa capacidade nun 81%, pasando de tratar 550.000 toneladas anuais a 1.000.000.
Adicionalmente, e desde o pasado mes de xaneiro, a empresa abordou a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
O proceso de ampliación culminará a mediados deste mesmo ano e permitirá a Sogama tratar en condicións óptimas todos os residuos urbanos recepcionados nas súas instalacións, multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reducir o vertido a mínimos, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero (10%).
Saúdos, Departamento de Comunicación