- Visitaron esta semana as instalacións da Sociedade en Cerceda distribuídos en 6 grupos e acompañados por 6 docentes
- Atendidos por educadores especializados, realizaron un percorrido virtual polas distintas plantas industriais que conforman a infraestrutura de Sogama e complementaron os seus coñecementos con presentación dinámicas e xogos
Cerceda, a 7 de novembro de 2024.- Como vén sendo habitual desde hai anos, o colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela incluíu a visita a Sogama dentro do seu programa educativo a fin de que o seu alumnado coñeza, e comprobe por si mesmo a problemática inherente á elevada produción de lixo, tanto desde a dimensión ambiental como económica e social, e conciencie ao redor da necesidade de aplicar cada día o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para reverter o proceso de deterioro e contaminación orixinado por unha ineficiente xestión dos residuos.
En total, preto de 150 alumnos de 4º de ESO, distribuídos en 6 grupos e acompañados por 6 docentes, pasaron esta semana pola infraestrutura de Sogama en Cerceda, onde foron atendidos por monitores especializados.
A través de presentación dinámicas, puideron coñecer en maior medida a actividade desta empresa pública, as fraccións de residuos que xestiona (bolsa negra, bolsa amarela e bolsa marrón) e o itinerario que segue cada unha desde que é depositada polo cidadán no contedor correspondente, ata que se procesa en planta.
No caso da amarela, conformada por envases de plástico, latas e briks, logo dunha selección automática destes materiais por tipoloxías, prénsanse e embálanse en paquetes para ser remitidos aos centros recicladores.
A marrón (materia orgánica) recibe tratamento nunha das catro plantas de biorresiduos coas que conta Sogama (Cerceda, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín) para ser convertida en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo ao que mesmo preserva fronte a infesta e enfermidades.
Respecto da bolsa negra, sogama consegue separar a parte reciclable contida na mesma, e que debería ser depositada en orixe noutros contedores, e coa non reciclables elabora un combustible CDR que abastece a planta termoeléctrica para xerar enerxía eléctrica renovable.
Todo este proceso foi constatado polo alumnado a través dunha visita virtual 360º, para a que foron equipados con lentes inmersivos, permitíndolles visualizar todos os recunchos do Complexo industrial.
As visitas culminaron cunha sesión de xogos. entre os que cabería destacar os arcade, cos que os escolares complementaron os seus coñecementos no ámbito da recollida selectiva e puxeron a proba a súa bagaxe na clasificación de residuos.
Como sempre, a receptividade do alumnado do Peleteiro e o seu comportamento foi exemplar.
Saúdos, Departamento de Comunicación