- Sogama acaba de enviar ao Concello unha nova partida de 25 recipientes, así como outros tantos cubos domiciliarios para que os usuarios transporten o lixo orgánico ata o seu composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra
- Os veciños participantes recibirán tamén manuais didácticos de apoio e terán a oportunidade de asistir a un curso de formación que impartirán técnicos de Sogama en data a acordar polas partes
Cerceda, a 16 de febreiro de 2022.- O Concello de Foz, coa colaboración de Sogama, ampliou o seu programa de compostaxe doméstica, facendo un total de 177 as vivendas unifamiliares que, actualmente, están adscritas a esta iniciativa. É necesario que estas dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) para aplicar o compost resultante e pechar desta forma o círculo de recuperación da materia orgánica, que se transforma nun abono natural que regresa ao solo para dar unha nova vida.
Os novos composteiros (25 en total) reúnen as mesmas características que os subministrados por esta empresa pública con anterioridade (capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables). A maiores, Sogama entregou ao ente local 25 cubos marróns domiciliarios (con capacidade para 10 litros) para que os usuarios poidan trasladar os restos orgánicos ao composteiro, que deben colocar no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Proporcionarase tamén ao Concello manuais didácticos de apoio, para entregar aos participantes e, en data a acordar polas partes, impartirase un novo curso de formación para explicar con detemento a técnica a aplicar co fin de obter un compost de boa calidade que poida utilizarse, na agricultura e xardinería, sen restricións e con garantías.
Toda esta operativa redundará nun proceso eficiente con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais.
A día de hoxe, un total de 89 entidades da provincia de Lugo (45 concellos, 34 centros educativos e 10 colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica impulsado por Sogama en Galicia, tendo distribuído entre as mesmas, e de forma gratuíta, ao redor de 4.000 composteiros. A empresa pública repartiu en toda Galicia máis de 18.000.
Máis información en www.compostaconsogama.gal