- No ámbito da recollida selectiva, un dos contedores que xerou máis confusión foi o amarelo, xa que non está destinado a acoller calquera tipo de plástico, senón unicamente envases e envoltorios de plástico, ademais de latas e briks
Cerceda, a 7 de maio de 2024.- Preto de 200 escolares, ademais de 11 docentes, do CPI Camiño de Santiago, pertencente ao concello coruñés do Pino, recibiron clases de reciclaxe por parte de educadores ambientais ao servizo de Sogama.
En total, impartíronse, a solicitude do ente local, catro sesións formativas coa pretensión de que os pequenos foran instruídos na xestión sostible dos residuos municipais e que tamén tomasen nota dos xestos e comportamentos cos que contribuír á redución da produción de refugallos e á reutilización dos mesmos.
No ámbito da reciclaxe, explicouse a dinámica a seguir, mostrando os diferentes contedores de recollida selectiva habilitados nas rúas, así coma os tipos de residuos a introducir nos mesmos para propiciar o seu posterior reciclado e transformación en novas materias primas.
Un dos contedores que xerou máis confusión foi o amarelo, xa que non está destinado a acoller calquera tipo de plástico, senón unicamente envases e envoltorios de plástico, ademais de latas e briks. Os erros foron detectados polos monitores a través dunha serie de xogos, procedendo á súa corrección e afianzamento dos coñecementos adquiridos.
O interese foi máximo en todo momento, coa garantía de que os escolares constitúen un colectivo con gran proxección e influencia na súa contorna máis inmediata, capaz de levar a cabo unha tarefa educativa eficaz e eficiente.
Coñecendo Sogama
Tamén se detallou o labor de Sogama en Galicia, as fraccións de residuos que se atopan baixo a súa xestión (materiais recollidos a través dos contedores amarelos, marróns e xenéricos) e tratamento dispensado a cada unha delas.
No caso dos envases de plástico, latas e briks (bolsa amarela), a empresa sepáraos por tipoloxías nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros recicladores, onde cobran unha nova vida. A materia orgánica depositada de forma diferenciada no contedor marrón, transfórmaa en compost, un abono de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo. E a coñecida como resto, que corresponde ao contedor xenérico, sométea tamén a un proceso de selección para extraer a parte reciclable, que remite á industria transformadora, convertendo a non reciclable en enerxía eléctrica.
Para levar a cabo este labor, a compañía dispón dunha potente rede de infraestruturas conformada por un Complexo Medioambiental, sito en Cerceda; unha rede de 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego; 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e un vertedoiro controlado de apoio. E todo isto aderezado co transporte sostible dos residuos, dando preferencia ao uso do tren por tratarse dun medio máis respectuoso co medio ambiente, con menor sinistralidade e menores molestias cidadás.
Saúdos, Departamento de Comunicación