-
Pertencían a máis de 40 centros educativos das catro provincias galegas, mostrando todos eles un gran interese na correcta selección de residuos en orixe para contribuír á reciclaxe
Cerceda, a 3 de xullo de 2024.- Preto de 2.400 escolares de máis de 40 centros educativos de primaria e secundaria das catro provincias galegas recibiron formación presencial, da man de Sogama, sobre sostibilidade no marco do Día da Reciclaxe (17 de maio) e do Día do Medio Ambiente (5 de xuño).
Aproveitando ambas as dúas efemérides, o obxectivo desta campaña intensiva era trasladar á comunidade educativa a importancia que ten a protección da contorna e o papel fundamental que, neste sentido, desempeña a reciclaxe, xa que é un dos principais camiños para avanzar cara á economía circular ao transformar os residuos en recursos.
Pero, para que isto sexa así, resulta imprescindible contar coa colaboración da poboación, tanto individual como colectiva. Un sinxelo xesto como é separar os refugallos que se producen cada día por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes, constitúe unha gran achega para o coidado do medio ambiente e a saúde.
O principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) estivo presente en todas as sesións formativas, nas que, ademais, púxose a proba os coñecementos en materia de reciclaxe de pequenos e mozos a través de distintas actividades e xogos. Desta forma, os monitores de Sogama resolveron dúbidas, corrixiron erros e asentaron conceptos esenciais para facer da reciclaxe unha práctica cotiá para comunidade educativa.
Malia que o contedor marrón foi o último en incorporarse ás rúas de moitos municipios, o certo é que se percibiu un gran interese no mesmo pola oportunidade que representa para a compostaxe da materia orgánica e a súa conversión nun abono de alta calidade. Así mesmo, comprobouse que a compostaxe doméstica está moi presente no ámbito rural, e é especialmente valorada pola súa achega nutritiva para plantas e cultivos, sendo todo un exemplo de circularidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación