- Esta acción enmárcase no proxecto Upcycling the Oceans, cuxo obxectivo é recoller lixo mariño e levalo aos contedores de porto para que poida ser recuperado en función da súa tipoloxía
Cerceda, a 22 de marzo de 2024.- No marco do proxecto Upcycling the Oceans, e grazas á implicación de 2.583 pescadores de 45 portos españois distribuídos en cinco comunidades autónomas (Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Rexión de Murcia e Andalucía), recolléronse en 2023 un total de 154.896 quilos de lixo dos fondos mariños e procedente da actividade humana, cos conseguintes efectos adversos para a saúde das persoas e a biodiversidade.
Desde que este proxecto, promovido pola Fundación Ecoalf e Ecoembes, comezou a súa andaina en 2015, recuperáronse no litoral español preto de 1.200 toneladas de residuos do fondo mariño e isto foi posible grazas á actividade diaria e o compromiso dunha rede de pescadores que colaboran na limpeza dos océanos e fomentan a circularidade.
No noso país, Upcycling the Oceans conta coa axuda altruísta de 640 barcos, que recollen os refugallos cando saen a faenar para logo depositalos nos contedores situados nos portos, posibilitando así a súa reciclaxe e posterior transformación en materias primas.
Recuperar, separar, reciclar e procesar
Para paliar a problemática inherente ao lixo mariño, perséguese un modelo baseado en 4 accións fundamentais: recuperar, separar, reciclar e procesar.
A primeira fase comeza na propia mar, cando os pescadores se enfrontan cada día a unha crítica realidade: atopar nas súas redes residuos que separan de forma minuciosa dos peixes.
Unha vez regresan ao porto, deposítanos nos contedores específicos facilitados polo proxecto, sendo transportados a continuación ás plantas de separación para a súa clasificación e posterior procesamento.
No caso dos residuos de plástico PET, unha vez transformados en granza, trátanse para converterse no fío de mar de Ecoalf, un poliéster 100% reciclado que se utiliza para confeccionar produtos coa mesma calidade e deseño que os mellores non reciclados.
O resto dos refugallos son seleccionados e enviados ás súas canles de reciclaxe correspondentes, dándolles unha segunda vida.
Fonte e imaxe: Ecoembes