- Entre os días 10 e 16 levouse a cabo a segunda edición de “1m2 polo campo, os bosques e o monte”, contando coa participación de 88 colectivos que realizaron batidas de recollida e caracterizacións en 34 provincias españolas.
- Entre os residuos máis frecuentes destacaron as cabichas, seguidas das latas, pezas de vidro, embalaxes industriais, restos de comidas, botellas de plástico e paquetes de tabaco.
- Para realizar as caracterizacións valéronse da aplicación móbil “e-Litter”. Os datos recollidos integraranse na base de datos do MITECO para proceder á análise dos mesmos.
Cerceda, a 7 de xaneiro de 2019.- Entre os días 10 e 16 do pasado mes de decembro levouse a cabo a segunda edición de “1m2 polo campo, os bosques e o monte” de LIBERA, proxecto creado por SEO/BirdLife, en colaboración con Ecoembes, para facer fronte ao problema representado pola basuraleza (residuos no medio natural).
A xornada, na que participaron 88 colectivos que realizaron batidas de recollida e caracterización de residuos en 34 provincias españolas, saldouse coa recollida de 1,5 toneladas de refugallos e a caracterización de 29.789 obxectos, máis do dobre que na edición anterior.
Entre os máis frecuentes destacaron as cabichas, con 2.695 unidades; seguidas das latas, con 1.856; pezas de vidro, con 1.182; embalaxes industriais, con 1.146, restos de comidas, con 1.116; botellas de plástico, con 1.097; e paquetes de tabaco, con 970.
Para caracterizar estes elementos, os participantes utilizaron unha ferramenta de traballo pioneira, a aplicación móbil “e-Litter”, desenvolvida conxuntamente polas asociacións Paisaje Limpio e Vertidos Cero, en colaboración con LIBERA, e que permite cuantificar todos os residuos atopados nos puntos onde se van a realizar os labores de recollida.
Os datos recollidos a través desta aplicación, xunto cos rexistrados noutros formularios, integraranse na base de datos do MITECO (Ministerio para a Transición Ecolóxica) a fin de proceder á análise dos mesmos e que a información obtida poida ser utilizada para coñecer o impacto que a basuraleza ten sobre o medio ambiente e deseñar medidas de prevención.
O próximo mes de marzo (do 9 ao 17), levarase a cabo unha nova edición da campaña “1m2 polos ríos, embalses e pantanos”.
Fonte e imaxe: www.proyectolibera.org
Saúdos, Departamento de Comunicación