- Monitores especializados impartiron neste centro de Sanxenxo (Pontevedra) dúas sesións formativas sobre os tres erres, incidindo na separación de residuos en orixe e correcto depósito de cada tipoloxía no contedor correspondente
Cerceda, a 24 de maio de 2022.- Recentemente, ao redor de 80 alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Portonovo (Sanxenxo-Pontevedra) foron instruídos por monitores de Sogama no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), incidindo na separación de residuos en orixe e correcto depósito de cada tipoloxía no contedor correspondente.
A comunidade educativa deste centro é consciente da importancia que ten coñecer a dinámica da xestión sostible das distintas fraccións de residuos e, sobre todo, de ter claro a relación de refugallos que deben introducirse nos distintos recipientes habilitados na vía pública para propiciar o seu posterior reciclado; un xesto que contribuirá a aforrar enerxía e materias primas virxes.
Os pequenos prestaron moita atención ás explicacións impartidas polo persoal ao servizo de Sogama e participaron moi activamente durante as dúas sesións formativas. Querían aprender para poñer en práctica os seus coñecementos e tamén para servir de correa de transmisión de contidos no seu ámbito familiar e social, desempeñando o rol de prescritores da reciclaxe.
Así mesmo, manifestaron gran interese na compostaxe doméstica. De feito, o concello entregou ao colexio un composteiro no que introducen os residuos orgánicos para elaborar, a partir dos mesmos, un abono natural de alta calidade cuxo destino serán os xardíns do centro. Móstranse convencidos de que a compostaxe é unha magnífica solución para a recuperación da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de fertilizante natural, achegándolle nutrientes para dar unha nova vida a plantas e cultivos.
Igualmente, indicaron estar moi sensibilizados coa problemática do lixo mariño. Non en van, viven nun municipio de costa cun elevadísimo atractivo turístico, de aí que decidisen realizar labores de limpeza dun areal, unha experiencia que lles axudou, aínda máis, a tomar conciencia do gran impacto que os residuos teñen sobre o contorna
Saúdos, Departamento de Comunicación