- Persoal de Sogama encargouse de impartir unha sesión presencial neste centro, tendo participado na mesma alumnado do ciclo medio de xestión, ciclo superior de finanzas e ciclo medio de farmacia e parafarmacia
Cerceda, a 13 de novembro de 2024.-Preto de 80 estudantes da Escola Profesional Santo Cristo de Ourense, concretamente do ciclo medio de xestión, ciclo superior de finanzas e ciclo medio de farmacia e parafarmacia, recibiron unha sesión formativa a cargo de Sogama sobre a xestión sostible dos residuos municipais e as súas implicacións ambientais, económicas, sociais e para a saúde.
Unha técnica desta empresa pública explicou o labor da entidade, que se encarga da xestión da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor do mesma cor), a marrón (materia orgánica depositada no contedor marrón) e a negra (fracción resto introducida no contedor xenérico).
Respecto da primeira, a empresa separa por tipoloxías os envases para ser remitidos aos centros recicladores, onde cobran unha nova vida, e a materia orgánica transfórmase en compost nas súas catro plantas de biorresiduos distribuídas pola comunidade, unha por provincia, isto é, Cervo (Lugo), Cerceda (A Coruña), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense).
En relación á bolsa negra, separa nunha planta localizada no Complexo industrial de Cerceda (A Coruña), e que opera en liña coa industria 4.0, a parte reciclable, que remite á industria transformadora, acondicionando coa non reciclable un combustible CDR que é valorizado enerxeticamente na termoeléctrica, producindo a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos. E foi precisamente a produción enerxética a que espertou a curiosidade do alumnado, xa que, ademais de evitar a vertedura, pon en valor aquel residuo que, dadas as súas características, non se pode reutilizar nin tampouco reciclar.
Aínda que, en termos xerais, os estudantes coñecían as distintas tipoloxías de contedores e residuos a depositar nos mesmos, a maior confusión centrouse no iglú verde ao considerar, erroneamente, que o cristal tamén se podía introducir no mesmo, cando, en realidade, este recipiente unicamente acolle botellas, frascos e tarros de vidro, nunca vasos nin copas de cristal.
Saúdos, Departamento de Comunicación