- No marco da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, persoal da empresa pública desprazouse ao centro para impartir sesións formativas e lúdicas nas que se traballaron os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe)
- Os pequenos demostraron estar moi familiarizados coa reciclaxe e recoñecían perfectamente as cores dos contedores e tipoloxías de residuos a depositar nos mesmos
- Tal e como manifestaron, unha das súas prioridades é habitar nunha contorna limpa e saudable, requiríndose para isto dunha boa dose de responsabilidade individual e colectiva, que xa practican, tanto na escola coma nos seus fogares.
Cerceda, a 6 de xuño de 2024.- Preto dun cento de escolares de 4 e 5 anos do colexio “Compañía de María” de Vigo recibiron en días pasados a visita de educadoras de Sogama para impartir sesións formativas e lúdicas sobre os pormenores da reciclaxe. A magnífica acollida do centro, xunto co gran interese e a elevada implicación dos pequenos, fixeron desta xornada todo un éxito.
Enmarcada na conmemoración do Día do Medio Ambiente (5 de xuño), no transcurso da mesma explicouse ao público infantil a importancia do consumo consciente e responsable, a problemática representada polos escasos e limitados recursos naturais, e a necesidade de reducir a produción de residuos. Con todo, unha vez xerados, os refugallos deben separarse por tipoloxías e introducirse no contedor correspondente para que poidan enviarse aos centros recicladores e transformarse en novas materias primas coas que fabricar novos produtos; un proceso que trae consigo un considerable aforro de materiais virxes e enerxía.
Malia a súa curta idade, comprobouse que os nenos e nenas participantes coñecían perfectamente as cores dos contedores, así coma os residuos a introducir nos mesmos, e eran plenamente conscientes do impacto positivo deste xesto no medio ambiente, ao que queren coidar. Así mesmo, tomaron boa nota do papel que poden desempeñar no seo das súas familias ao actuar como verdadeiros embaixadores da reciclaxe, transmitindo información e sensibilización ambiental.
Tal e como manifestaron, unha das súas prioridades é habitar nunha contorna limpa e saudable, obxectivo que require dunha boa dose de responsabilidade individual e colectiva, que eles xa practican, na escola e nos seus fogares.
A receptividade dos pequenos, xunto coa extraordinaria colaboración do profesorado, propiciou que a dinámica de traballo no CPR Compañía de María, fose, ademais de produtiva, emotiva, evidenciando en todo momento valores propios do centro tales como a empatía, a solidariedade, o esforzo e a responsabilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación