- Entre os mesmos distribuíronse 109 composteiros fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Sumándose ao programa de Sogama, pretenden contribuír a fomentar as bondades da autocompostaxe desde a dimensión ambiental, económica e social.
- Tamén foron obsequiados por parte desta empresa pública con material didáctico e, en diversos casos, con cursos presenciais de formación na materia.
Cerceda, a 19 de xullo de 2019.- A compostaxe doméstica, práctica xa estendida en concellos e centros educativos, tamén fixo acto de presenza nos colectivos sociais. Máis dun cento de distintos puntos de Galicia xa se interesaron por esta iniciativa e decidiron instaurala nas súas dependencias coa axuda de Sogama, que lles subministrou os composteiros necesarios para poder xestionar a través dos mesmos a materia orgánica xerada e propiciar o seu reciclado.
A día de hoxe, son preto de 20 colectivos os que decidiron sumarse ao programa da Sociedade Galega do Medio Ambiente. É o caso de Aspanane Viveiro, a Asociación da Escola Rosalía de Castro de Vigo, a Asociación Veciñal de Remourelle, en Ribadeo, Alborada (Asociación cidadá de loita contra a droga) de Vigo, a Asociación Avante de Val do Dubra, Cáritas Parroquial de Ordes, Asociación Cultural e Xuvenil A Carballeira de Pol, o Centro Penitenciario de Monterroso, a Asociación Ribasaltas de Monforte, o Consorcio de Augas do Louro, o Centro Residencial Docente de Vigo, Proxecto Home en Galicia (Val do Dubra), Recursos Valadares de Outes, Centro Cogami de Silleda e a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso.
Entre todos eles, Sogama repartiu un total de 109 composteiros, que se atopan en moitos casos a pleno rendemento e xerando un abono de excelente calidade que os grupos sociais están a utilizar nas súas hortas e xardíns.
Con esta iniciativa, pretenden tamén contribuír a fomentar as bondades da compostaxe doméstica desde a dimensión ambiental, diminuíndo a frecuencia da recollida e transporte de lixo e, xa que logo, as emisións de CO2 á atmosfera; económica, contribuíndo a que os seus concellos paguen menos a Sogama pola xestión e tratamento do lixo convencional (bolsa negra); e sociais, recuperando unha práctica tradicional en Galicia e que agora se moderniza a través da innovación, resultando máis cómoda e hixiénica.
Os colectivos tamén foron obsequiados por Sogama con manuais didácticos e, os que así o solicitaron, con cursos presenciais de cara a mellorar a técnica dos usuarios e favorecer a produción dun compost de maior calidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación