- Así o notificou esta semana o docente responsable da horta escolar e dinamizador de Ciencia e Medio Ambiente no centro.
- O alumnado deste colexio da cidade Olívica interiorizou a importancia de poñer en valor a materia orgánica a través da súa conversión en compost e tivo a oportunidade de visualizar a contribución desta práctica á economía circular.
Cerceda, a 10 de outubro de 2019.- O CEIP Valle Inclán de Vigo xa ten o seu primeiro compost. Así o notificou a Sogama o docente responsable da horta escolar e dinamizador de Ciencia e Medio Ambiente no centro.
Fai meses solicitou un composteiro a Sogama para propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e a posterior aplicación do compost obtido na horta escolar, que xa deu a súa colleita; unha excelente clase práctica que permite aos pequenos participar nesta iniciativa e interiorizar que unha boa separación dos residuos orgánicos en orixe e un correcto desenvolvemento da técnica, representa unha gran axuda para obter un abono de alta calidade.
O alumnado deste colexio da Cidade olívica sabe á perfección que materiais deben e non deben depositarse no composteiro e a importancia de levar a cabo un exhaustivo control de parámetros clave tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Desta forma devolven á terra os restos orgánicos e convértenos en recursos, contribuíndo a un modelo de desenvolvemento cara ao que o planeta debe avanzar e que non é outro que o definido pola economía circular.
Desde Sogama, o noso máis sincero recoñecemento a este colexio ecolóxico que vela pola xestión sostible dos residuos e a posta en valor da fracción orgánica, e que tivo a cortesía de compartir connosco a imaxe do seu primeiro abono natural.
Saúdos, Departamento de Comunicación