- Así o manifestou Héctor Barco, experto na materia, nunha entrevista concedida á revista de Sogama do pasado mes de marzo.
- Na mesma referiuse a dúas clases de desperdicio alimentario: o que ten lugar en moitos países non industrializados polo mal estado das infraestruturas e o que se produce nos países avanzados por razóns tales como a perda de cultura culinaria, criterios estéticos ou por manter a aparencia de abundancia.
- Se ben os fogares europeos son responsables do desperdicio alimentario nun 53%, o certo é que o 47% atópase na cadea agroalimentaria.
- Chamou a atención sobre un paradoxo incomprensible a día de hoxe: “podemos comunicarnos nun minuto, pero non somos capaces de rebaixar as taxas da fame e seguimos arroxando alimentos ao lixo”.
- A preferencia polos alimentos “guapos” constitúe outro sensentido, xa que, mentres se esixe unha agricultura máis ecolóxica e con menos fertilizantes e pesticidas, no mercado compramos produtos estéticamente perfectos.
Cerceda, a 10 de maio de 2019.- No mundo desperdíciase un terzo dos alimentos que se producen para o consumo humano. E isto é así cando aínda moitas persoas morren de fame cada día. Un sensentido que estudan expertos na materia como Héctor Barco, Licenciado en Ciencias Ambientais cunha longa bagaxe académica e profesional que lle levou precisamente a realizar unha tese doutoral sobre esta temática na Universidade de Deusto e que acaba de regresar dunha estancia internacional no centro de investigación da Comisión Europea Joint Research Centre.
Nunha entrevista concedida á revista de Sogama do pasado mes, Barco referiuse a dúas clases de desperdicio alimentario: o que ten lugar en moitos países non industrializados polo mal estado das infraestruturas e o que se produce nos países avanzados por outros motivos tales como a perda de cultura culinaria, criterios estéticos ou simplemente por manter a aparencia da abundancia.
Non obstante, de todas as razóns que poden levar a este fenómeno, o entrevistado destaca a que, ao seu xuízo, cobra máis peso “Non ser conscientes dun problema” con negativas consecuencias ambientais, económicas e sociais. A boa nova é que é reversible se tomamos conciencia do que se pode facer e o que temos que facer.
Barco realiza unha análise profunda enmarcada nun paradoxo que invita á reflexión: “É inadmisible que podamos comunicarnos desde calquera parte do mundo nun segundo, pero que sigamos sen reducir as taxas de fame e continuemos arroxando alimentos ao lixo”.
PROBLEMA COMPLEXO, PERO CON SOLUCIÓN
O fenómeno ten moitas arestas con múltiples interrelacións. Por exemplo, que se estean tallando selvas de lugares remotos para alimentar ao gando do primeiro mundo que produce artigos que logo se converten en residuos.
Desde a vertente ambiental, as implicacións son realmente preocupantes: “Se o desperdicio alimentario fose un país, seriamos o terceiro país do mundo en emisións de gases de efecto invernadoiro, tan só por detrás de Estados Unidos e China”. Neste contexto, asegurou que “podemos diminuír o impacto ambiental da humanidade sobre o planeta simplemente evitando o despilfarro de comida”.
Así mesmo, considera necesario poñer en valor os alimentos, xa que, debido ao abaratamento dos prezos nas últimas décadas, deixamos de outorgarlles o valor que realmente si teñen, á vez que clama polo dereito a unha alimentación digna e saudable para todas as persoas.
Se ben os fogares europeos son responsables do desperdicio alimentario nun 53%, o certo é que o 47% atópase na cadea agroalimentaria. Non obstante, algo está cambiando. Por exemplo, as patacas que antes non se vendían polo seu tamaño ou estética, estanse transformando para ser utilizadas no sector da restauración.
Barco Balea considera clave que cada entidade cuantifique o seu nivel de desperdicio alimentario e, a partir disto, leve a cabo un plan de acción para minimizalo. Xa está ocorrendo en hospitais, restaurantes, empresas de catering e centros escolares.
Respecto da estética dos alimentos, asegura que caemos noutro paradoxo xa que, mentres esiximos unha agricultura máis ecolóxica e con menos fertilizantes e pesticidas, no mercado compramos produtos esteticamente perfectos. O curioso é que, para evitar un simple dano estético dun alimento, completamente inocuo, engádense maiores doses de pesticidas que si son perxudiciais para a saúde.
Asegura tamén que as tendencias de compra en grandes superficies comerciais e o abandono do establecemento local e de barrio, onde o consumidor contaba co asesoramento do tendeiro, deixou en mans do cidadán a decisión de compra, que, a falta de coñecemento e asesoramento, guíase en moitas ocasións polo prezo e a estética.
Héctor Barco pide, por riba de todo, coherencia, reflexión e diálogo en torno a un problema que nos afecta a todos e en cuxa solución debemos participar todos.
Saúdos, Departamento de Comunicación