- Nun documento publicado recentemente baixo o título “Traballar co medio ambiente para protexer ás persoas”, expón como está a axustar o seu labor para apoiar ás nacións e os seus aliados a "reconstruír mellor" trala crise do coronavirus.
- Con tal fin, considera que resulta esencial un coñecemento científico máis sólido, políticas que velen por un planeta saudable e máis investimentos verdes.
Cerceda, a 26 de maio de 2020.- O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) está a intensificar o seu traballo na identificación das ameazas zoonóticas e a protección da natureza co fin de reducir o risco de pandemias como a de COVID-19.
Nun documento publicado recentemente baixo o título “Traballar co medio ambiente para protexer ás persoas”, o PNUMA expón como está axustando o seu labor para axudar ás nacións e os seus aliados a "reconstruír mellor" trala crise do coronavirus, resultando esencial un coñecemento científico máis sólido, políticas que velen por un planeta saudable e máis investimentos verdes.
O seu plan de acción centrarase en catro áreas: mellorar a xestión dos residuos no marco do Covid-19, impulsar unha transformación profunda en favor da natureza e as persoas, propiciar que os paquetes de recuperación económica creen resiliencia ante futuras crises e modernizar a gobernanza ambiental global.
Neste escenario, a directora executiva do PNUMA, Inger Andersen, manifestou que "coa COVID-19, o planeta enviounos unha mensaxe de advertencia moi forte: a humanidade ten que reinventar a súa relación coa natureza", engadindo que “construír economías que traballen xunto coa natureza será fundamental para garantir a prosperidade das nacións"
Para levar a cabo esta ambiciosa tarefa, o PNUMA coordinará o seu traballo co sistema das Nacións Unidas. Algúns exemplos das súas intervencións son as seguintes:
- Apoiar aos responsables da toma de decisións para facer fronte ao aumento dos refugallos perigosos tales como equipos de protección persoal, aparellos electrónicos e fármacos, a fin de evitar o seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde humana.
- Un programa de resposta e risco zoonótico co fin de mellorar a capacidade dos países para reducir as ameazas a través de enfoques positivos para a natureza, incluíndo unha nova análise global dos riscos do comercio non regulado de vida silvestre, a fragmentación de hábitats e a perda de biodiversidade.
- Promover maiores oportunidades para investir na natureza e a sostibilidade.
- Traballar cos actores económicos para reconstruír, ampliar e acelerar o consumo e a produción sostibles, e crear novos empregos verdes.
- Revisar as implicacións de trasladar as actividades e reunións da gobernanza e o multilateralismo ambiental cara a plataformas virtuais, cunha menor pegada ambiental.
A xuízo de Andersen “o PNUMA debe brindar aínda máis apoio aos países nos seus esforzos para reducir os riscos de futuras pandemias por medio da restauración dos ecosistemas e a biodiversidade, a loita contra o cambio climático e a redución da contaminación".
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay