-
Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, con motivo da súa participación na xornada sobre economía circular inclusiva promovida por AEIGA e CESAGAL, e que tivo lugar en Santiago
-
Puxo en valor o papel crave que Sogama desempeña na economía circular galega ao converter os residuos en recursos e fixo fincapé en que “a principal estratexia para fomentar a economía circular é ser unha empresa pública sostible”
Cerceda, a 19 de maio de 2024.- Con motivo da participación do presidente de Sogama na xornada “Economía circular inclusiva: promoción da economía social no ámbito da economía circular”, impulsada e organizada por AEIGA (Asociación de Empresas de Inserción de Galicia) e CEGASAL (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego) , e que tivo lugar o pasado 16 de maio en Santiago de Compostela, Javier Domínguez, puxo en valor o papel crave que a Sociedade Galega do Medio Ambiente desempeña na economía circular galega ao converter os residuos en recursos. Con todo, precisou que este desempeño só é posible desde unha estratexia empresarial de sostibilidade, que teña en conta a protección ambiental, o crecemento económico e, por suposto, a cohesión social.
Neste sentido, fixo fincapé no obxecto do servizo público que presta Sogama, cuxa prioridade é o benestar e calidade de vida da poboación, polo que “todo o que fai vai impregnado dun forte espírito social”. É por iso que a transparencia, a política de bo goberno, a educación ambiental, a atención á diversidade e a igualdade son elementos plenamente incorporados á súa xestión.
Así mesmo, incidiu en que a operativa de Sogama está perfectamente aliñada co Pacto Verde Europeo, cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coa Estratexia de Economía Circular. “Fomentamos a adopción do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), contribuímos á recuperación de materiais, producimos, a partir da fracción non reciclable, enerxía eléctrica 50% renovable, incorporamos a enerxía solar fotovoltaica a unha boa parte da infraestrutura industrial, fomentamos o transporte de residuos a través do tren, promovemos a educación ambiental, impulsamos o emprego de calidade e xeramos riqueza”, subliñando que “a inclusión e a igualdade xa están presentes nas nosas licitacións e deben ser adoptadas obrigatoriamente polos adxudicatarios”, ao que engadiu que “non só debemos servir de exemplo, senón que tamén debemos esixir aos nosos contratistas o cumprimento de determinados principios”.
Igualmente, precisou que “en todo o que ten que ver con servizos de imprenta, traballamos tamén con entidades de economía social, máis aló doutras accións sociais máis xenéricas como a acollida de estudantes en prácticas, a colaboración con másteres e cursos de posgrao, o financiamento de bolsas para titulados en distintas disciplinas e a cooperación con outras entidades (Banco de Alimentos, por exemplo)”.
Economía circular e economía social: da man
En canto ás tendencias de futuro de Sogama, Domínguez Lino avanzou que estarán recollidas no plan estratéxico da empresa para o período 2024-2030 e pasan pola dixitalización, a economía circular, a profesionalización dos traballadores, a descarbonización dos procesos e, por suposto, unha maior atención, se cabe, ás necesidades sociais. “Hai unha importante conexión entre economía circular e economía social e, en moitos casos, avanzan da man, coa particularidade de que non debe esquecerse que a transición ecolóxica debe ser tamén xusta, esixindo avanzar cara a unha sociedade equitativa e próspera”, sinalou.
A intervención do máximo responsable de Sogama tivo lugar na mesa institucional “Situación actual, importancia da estratexia e compromisos de futuro”, que moderou Ana Botas, xerente de Viratec, e que compartiu con outros relatores tales como Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais; Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático; e Enrique Roher, coordinador da Unidade de Planificación e Cooperación Estratéxica da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Saúdos, Departamento de Comunicación