- ONU Medio Ambiente puxo en marcha un proxecto de Ecoloxización da industria do cacao que cobre en torno ao 10% da produción e que lle permite traballar cos principais países produtores e as empresas do sector.
- A iniciativa promove medidas que inclúen a conservación da biodiversidade, proporcionan unha maior estabilidade económica para todos os participantes da cadea de valor e aumentan os ingresos dos pequenos agricultores.
- O proxecto guiouse polo estándar de requisitos da Rede de Agricultura Sostible para promover a sostibilidade dos cultivos e a preservación da biodiversidade
Cerceda, a 8 de outubro de 2019.- Como resposta á crecente demanda de chocolate, nos últimos anos aumentou a deforestación asociada á produción de cacao. É por isto que o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente puxo en marcha un proxecto de Ecoloxización da industria do cacao que cobre en torno ao 10% da produción (350.000 toneladas cultivadas por 250.000 agricultores en 750.000 hectáreas) e que lle permite traballar cos principais países produtores de cacao (Brasil, Costa de Marfil, Ecuador, Ghana, Guinea, Indonesia, Nixeria, Madagascar, Papúa Nova Guinea, Perú e República Dominicana) e sa empresas do sector para avanzar cara a prácticas máis sostibles de cultivo e comercialización desta materia prima.
A iniciativa promove medidas que inclúen a conservación da biodiversidade, proporcionan unha maior estabilidade económica para todos os participantes da cadea de valor e aumentan os ingresos dos pequenos agricultores.
Ao longo de seis anos de traballo (2013 a 2019), o proxecto, financiado polo GEF e implementado por ONU Medio Ambiente, en alianza con Rainforest Alliance, abordou as causas da perda de biodiversidade, prestando especial atención ao cambio no uso da terra e a sobreexplotación, á vez que apoiou o desenvolvemento de sistemas de certificación para as mellores prácticas de xestión deste produto.
Johan Robinson, xefe da Unidade de Biodiversidade e Degradación da Paisaxe do Fondo para o Medio Ambiente Mundial (GEF) e ONU Medio Ambiente, manifestou que “o obxectivo xeral do proxecto, que é vincular a sostibilidade da paisaxe do cacao coa conservación de zonas ricas en biodiversidade, ten un gran potencial de ampliación".
A AGRICULTURA SOSTIBLE: TODO VANTAXES
Os produtores aseguran que agricultura sostible e a diversificación da produción axúdanlles a xerar máis ingresos. Móstranse convencidos de que coidar o solo e xestionalo axeitadamente constitúe unha prioridade para obter unha colleita saudable e rendible que proporcione suficientes alimentos e ingresos para as súas familias.
O proxecto guiouse polo estándar de requisitos da Rede de Agricultura Sostible para promover a sostibilidade dos cultivos e a preservación da biodiversidade dentro e ao redor das leiras.
Os auditores certificaron o cumprimento de 182.362 propiedades que cumpren co estándar desta Rede nun total de 896.654 hectáreas, incluídas 64.559 hectáreas de terras de cultivo reservadas para protección.
Estas actividades foron apoiadas por máis de 54 marcas de mercado e minoristas que aportaron unha cofinanciación adicional de US$ 24,5 millóns durante o ciclo de vida desta iniciativa.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación