- A Perspectiva dos Recursos Mundiais 2019, informe preparado polo Panel Internacional de Recursos, e que se deu a coñecer na Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que esta semana se celebra en Nairobi augura un escenario ambiental realmente preocupante para o planeta se non se toman medidas urxentes.
- A investigación indica que a extracción e o procesamento de materiais, combustibles e alimentos son causantes de aproximadamente a metade das emisións globais totais de gases de efecto invernadoiro e máis do 90% da perda de biodiversidade e estrés hídrico.
- A clave para reverter esta situación non reside unicamente na maior eficiencia dos recursos, senón na implantación efectiva de medidas que posibiliten o tránsito desde un modelo de desenvolvemento lineal a un circular.
Cerceda, a 14 de marzo de 2019.- O acelerado consumo de recursos constitúe o principal desencadeante do cambio climático e a perda de biodiversidade; un problema que irá a máis se non se toman cartas no asunto e se aborda un ambicioso plan de acción no que se priorice a produción e o consumo sostibles.
A Perspectiva dos Recursos Mundiais 2019, informe preparado polo Panel Internacional de Recursos, deuse a coñecer o pasado martes, 12 de marzo, na Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente que esta semana se celebra en Nairobi e que concluirá mañá, día 15.
No mesmo recóllese que, nas últimas cinco décadas, a poboación duplicouse e o produto interior bruto cuadriplicouse; un período de tempo no que a extracción anual de materiais a nivel mundial, ata 2017, aumentou de 27 mil millóns de toneladas a 92 mil millóns, prevendo que, de aquí ao ano 2060, e de continuar as tendencias actuais, o volume de materiais extraídos se duplique de novo.
O informe desvela que o uso de minerais metálicos aumentou un 2,7% anual e o uso de combustibles fósiles subiu desde os 6.000 millóns de toneladas en 1970 a 15.000 millóns en 2017, do mesmo xeito que aumentou o uso da biomasa, desde os 9.000 millóns de toneladas aos 24.000, principalmente para alimentos, materias primas e enerxías.
Na súa proxección de futuro ata 2060, o informe prevé que o uso dos recursos naturais crecerá nun 110%, o que conlevará a unha redución dos bosques de máis do 10% e unha diminución de hábitats tales como os pastizais, dun 20%. E todo isto tería graves consecuencias para o cambio climático, cun aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro dun 43%.
UN OCO PARA A ESPERANZA
Neste marco, a investigación asegura que a maior eficiencia dos recursos resulta clave, pero non é suficiente se non se acompaña doutras medidas, debendo transitar desde un modelo de desenvolvemento lineal a un circular baseado no máximo aproveitamento, o ecodeseño, a redución, a reutilización e a reciclaxe. Precísase avanzar cara a modelos compatibles cos esforzos de manter o quecemento global en 1,5ºC neste século.
Con políticas ambientais axeitadas, o Panel Internacional de Recursos mostra que, para 2060, o crecemento no uso global dos recursos podería diminuír nun 25%, o produto interior bruto podería crecer un 8%, e as emisións de gases de efecto invernadoiro poderían reducirse nun 90% en comparación coas proxeccións que dan continuidade ás tendencias históricas.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación