- Así o manifestou o presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, nunha entrevista concedida a Radio Voz Galicia e enmarcada na conmemoración do 20 aniversario da inauguración do Complexo Medioambiental de Cerceda.
- Defendeu o labor desta empresa pública ao posibilitar o selado e clausura de 300 vertedoiros municipais incontrolados e máis de 3.000 puntos de vertido ilegal, garantindo un tratamento sostible e eficiente para os residuos urbanos producidos por 295 concellos.
- E todo isto acompañado coa creación de 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, e a xeración de riqueza.
- Enxalzou a ampliación do complexo industrial, erixíndose no máis moderno de Europa, e que propiciará que a compañía incremente a súa achega á reciclaxe e alcance este mesmo ano o vertido técnico cero.
Cerceda, a 24 de febreiro de 2020.- Nunha entrevista recollida por Radio Voz Galicia e enmarcada no 20 aniversario da inauguración do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, celebrado o pasado 20 de xaneiro, o presidente desta empresa pública, Javier Domínguez Lino, incidiu nos principais beneficios asociados a dúas décadas de actividade: protección da contorna, educación ambiental e creación de emprego verde e riqueza.
Defendeu e avalou o labor de Sogama, xa que posibilitou no seu momento o selado e clausura de 300 vertedoiros municipais incontrolados e máis de 3.000 puntos de vertido ilegal existentes en Galicia, grazas a unha xestión sostible dos residuos urbanos enmarcada na xerarquía establecida pola Unión Europea: prevención, preparación para a reutilización, reciclaxe, valorización (material e/ou enerxética) e vertido.
Así mesmo enxalzou a confianza depositada polo 94% dos concellos galegos neste modelo. “Comezamos con pouco máis de 70 e hoxe son 295 os entes locais adscritos a Sogama, o que significa que tratamos cada día, e facémolo de forma óptima, os residuos producidos por máis de 2.242.000 habitantes”.
INDUSTRIA 4.0
Domínguez puxo en valor o esforzo dos últimos anos, traducido na ampliación do Complexo industrial, pasando de 550.000 toneladas anuais a 1 millón, así como a incorporación das tecnoloxías máis vangardistas da industria 4.0, que tomaron forma na nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa.
Esta ampliación “permitiranos incrementar expoñencialmente a nosa achega á reciclaxe e alcanzar nos próximos meses ao vertido técnico cero, 15 anos antes do estipulado polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros”.
Adicionalmente, salientou a firme aposta polo ferrocarril como medio preferente para os transporte de residuos, que pasou do 25% en 2016 ao 55% en 2020, así como o impulso que se dou á compostaxe, tanto doméstica como industrial, a través da distribución gratuíta de máis de 12.000 composteiros entre 336 entidades e a entrada en operación dunha planta de compostaxe en Cerceda.
Indicou igualmente que se mantén o canon bonificado aos concellos e que incluso se abre a aqueles que non o tiveran solicitado ou ben que non desen cumprimento aos requisitos asociados ao mesmo: reducir a produción de residuos e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros, e trasladar a rebaixa ao recibo dos cidadáns.
EMPREGO VERDE E FORMACIÓN AMBIENTAL
A actividade do Complexo, xunto coa rede de plantas de transferencia distribuídas estratexicamente pola comunidade, así como o transporte, posibilitou a creación de 1.000 postos de traballo estables e de calidade, entre directos e indirectos, constituíndo unha importante fonte de crecemento e riqueza.
Concluíu cun alegato en favor da educación ambiental, manifestando que foi, é e será unha prioridade na axenda de traballo de Sogama e, como mostra disto, mencionou algunhas das numerosas campañas levadas a cabo, entre as que destacou o programa de visitas ao complexo, polo que pasaron máis de 76.500 persoas, sendo todo un exemplo de transparencia.
Saúdos, Departamento de Comunicación