- As actividades humanas, entre as que figura o vertido do equivalente a un camión de lixo plástico no mar cada minuto, están a destruír rapidamente os ecosistemas oceánicos
- O potencial dos océanos para funcionar como sumidoiro xigante de carbono depende da súa abundante biodiversidade, de aí a necesidade de implantar medidas para reducir o impacto humano directo, limpar os ríos contaminados, restaurar os humidais e desenvolver unha economía circular
- A ambición 30x30 de protexer o 30% da terra e os mares durante o próximo decenio, discutirase na COP15, que se celebrará do 7 ao 19 de decembro en Montrreal.
Cerceda, a 22 de novembro de 2022.- A investigación apunta a que océanos e humidais son unha solución climática prioritaria, xa que almacenan gran parte do carbono que está a agravar o cambio climático e proporcionan valiosos beneficios de adaptación aos fenómenos extremos.
Así mesmo, os humidais resultan parte esencial da saúde dos océanos e a estabilidade climática ao abarcar ríos, lagos, encoros e, en definitiva, todos os ecosistemas de auga doce continentais, así como as marismas salgadas. Boa parte destas fontes de auga transportan a contaminación terrestre aos océanos.
Os océanos cobren un pouco máis do 70% da superficie do planeta. Absorberon tanto o 30% do dióxido de carbono liberado á atmosfera como o 90% do quecemento global que se produciu nos últimos decenios debido ao incremento dos gases de efecto invernadoiro. Con todo, o aumento das temperaturas e a acidez fan que os mares se volvan inhóspitos para moitos organismos vivos, interrompen as correntes oceánicas e alteran as redes alimentarias.
O potencial dos océanos para funcionar como un sumidoiro xigante de carbono depende da súa abundante biodiversidade. Por exemplo, os manglares almacenan ata catro veces máis carbono por hectárea que a maioría dos demais bosques tropicais do mundo, mentres que os sedimentos dos pastos mariños son un dos almacéns de carbono máis eficientes do planeta.
Así mesmo, existe evidencia emerxente de que o carbono se almacena nos corpos de animais mariños, Os corais, os manglares e os ecosistemas de pastos mariños son importantes caldos de cultivo para a enorme diversidade de animais mariños, que manteñen o océano en bo funcionamento. Pero o impacto negativo causado de maneira conxunta polas persoas, os ríos contaminados e a calefacción global está a comprometer gravemente a saúde dos océanos e a vida que albergan.
REDUCIR O IMPACTO DA HUMANIDADE
As actividades humanas están a destruír rapidamente estes ecosistemas oceánicos: a sobrepesca, a minería de augas profundas, a infraestrutura costeira e o vertido do equivalente a un camión de lixo de plástico no océano cada minuto, entre outras.
A protección dos océanos require a implantación de medidas en mar e terra: reducir o impacto humano directo sobre os mesmos, limpar os ríos contaminados, restaurar os humidais e desenvolver unha economía circular.
Nun informe do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) chegouse á conclusión de que se o planeta se quenta 1,5 °C, o obxectivo máis ambicioso do Acordo de París, desaparecerán entre o 70 e o 90% dos corais, e, se chega a 2 °C, o 99% dos corais perecerán e con eles unha cuarta parte de toda a vida submarina que depende destas colonias.
Nun documento do PNUMA presentado durante a Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, celebrada en xuño de 2022, destácanse formas innovadoras de desbloquear e organizar o financiamento a gran escala para alcanzar a ambición 30x30 de protexer o 30% da terra e os mares do planeta durante o próximo decenio. Isto discutirase na Conferencia de Biodiversidade da ONU (COP15) en Montreal do 7 ao 19 de decembro.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay