- Así reza o lema co que hoxe se conmemora o Día Internacional da Preservación da Capa de Ozono, recoñecendo con isto os logros acadados ata hoxe, pero tamén poñendo sobre a mesa medidas máis potentes e efectivas para facer fronte a novos retos
Cerceda, a 16 de setembro de 2024.- Hoxe celébrase o Día Internacional da Preservación da Capa de Ozono e, nesta ocasión, o lema elixido foi "Protocolo de Montreal: promovendo a acción climática", recoñecendo con isto os logros acadados ata hoxe, pero tamén poñendo sobre a mesa medidas máis potentes e efectivas para facer fronte a novos retos.
A capa de ozono é unha franxa de gas moi fráxil que protexe a vida no planeta dos efectos nocivos dos raios solares e que se atopa en perigo polo uso que se fixo durante anos de determinados produtos químicos. Na década dos 80 existían no mercado numerosos artigos de uso común que contiñan substancias moi nocivas para o ozono. As máis coñecidas son os CFC (clorofluorocarbonos) e os HCFC (hidroclorofluorocarbonos).
En 1985, a comunidade internacional fixo un esforzo ao retirar estes produtos químicos, materializándose no Convenio de Viena sobre a protección da capa de ozono, que foi aprobado e asinado por 28 países o 22 de marzo.
En 1987 redactouse o Protocolo de Montreal relativo ás substancias que esgotan a capa de ozono. Máis de 100 substancias químicas nocivas empezáronse a controlar para ir eliminando a súa produción e consumo.
E, en 1994 a Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou o 16 de setembro Día internacional da preservación da capa de ozono, en conmemoración da data da firma, en 1987, do Protocolo de Montreal, que foi o acordo internacional máis exitoso ata o de agora, xa que todos os calendarios para a eliminación destas substancias cumpríronse, mesmo antes do previsto en moitos casos.
Fonte e imaxe: Nacións Unidas