Noticias
Rebaixa a produción de residuos e aforra custos ambientais e económicos
- Sogama comparte 10 consellos básicos cos que diminuír a xeración de refugallos para acadar unha maior protección do medio ambiente e do noso peto
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2024.- En tempos de rebaixas, non debemos esquecer que diminuír a produción de residuos resulta dobremente beneficioso: bo para o medio ambiente e bo para o noso peto. A isto hai que engadir que, ao contrario que as comerciais, as rebaixas de residuos están ao noso alcance todo o ano. Velaquí uns consellos:
- Pensa antes de comprar. Necesitas realmente un determinado produto ou trátase dun capricho puntual?
- Planifica en función das túas necesidades. Busca e compara. Ollo coas ofertas. Le a letra pequena para evitar sorpresas.
- Racionaliza a adquisición de alimentos. Mellor os de tempada e proximidade. Revisa as datas de caducidade e de consumo preferente, e mantén ordenada a neveira e a despensa, colocando en primeira liña os perecedoiros.
- Calcula as racións necesarias de comida en función do número de comensais e, se hai sobras, reutilízaas para a elaboración de novos menús. Os restos de alimentos non comestibles, ao composteiro ou ao contedor marrón para que poidan converterse en abono.
- Leva a túa bolsa ao mercado e rexeita as plásticas dun só uso.
- Prioriza os produtos a granel e aqueles que se comercialicen co menor envase e envoltorio posible.
- Evita o consumo desmedido de papel. Limita a impresión de documentos e opta polo seu arquivo dixital.
- Limita o consumo de produtos envasados en plástico. Dá preferencia a outros materiais máis sostibles.
- Adquire roupa de calidade, duradeira, que non pase de moda rapidamente. Cóidaa e consérvaa en boas condicións. Rexeita a moda rápida de usar e tirar. Cando deixes de utilizar a roupa, deposítaa nos contedores habilitados para a súa recollida e posterior recuperación.
- Reutiliza antes de reciclar. As botellas, os tarros e os frascos de vidro poden ter múltiples vidas, con carácter funcional ou meramente decorativo. Cando esgoten a súa vida útil, deposítaos no iglú verde. Aproveita ao máximo o papel e cartón e, cando xa non sirvan, introdúceos no contedor azul.
Pon en práctica estes consellos e comprobarás como a cantidade de residuos a introducir no contedor da fracción resto verase minorada.
Saúdos, Departamento de Comunicación