- BuzzLightyear, Capitán América, Dumbo, Maléfica, R2D2 e Mike Wazowski de Monstros SA, serán os protagonistas desta campaña de concienciación que pretende promover actitudes sostibles en familia e facer da reciclaxe de vidro un hábito divertido
Cerceda, a 22 de setembro de 2023.- Por cuarto ano consecutivo, Ecovidrio e Disneyland París únense para achegar e concienciar a pais e fillos sobre a importancia de reciclar vidro, coidar o planeta e loitar contra o cambio climático.
Co lema “Reciclar vidro é máxico”, os iglús de Ecovidrio e Disneyland París instalaranse en diversas cidades do noso país, coincidindo coa volta ao cole, a fin de fomentar a colaboración das familias e que estas acheguen o seu gran de area ao medio ambiente ao depositar os envases de vidro nestes divertidos contedores.
BuzzLightyear, Capitán América, Dumbo, Maléfica, R2D2 e Mike Wazowski de Monstros SA, serán os protagonistas desta campaña de concienciación coa que se pretende promover actitudes sostibles e facer da reciclaxe de vidro un hábito familiar.
Sorteos e premios
Ademais, ser respectuosos co planeta terá premio. Un afortunado poderá viaxar a Disneyland París. Coincidindo co 30 Aniversario do país da maxia e os soños, e o 25 Aniversario de Ecovidrio, tamén se sortearán 200 miniglús protagonizados por estes personaxes para que a maxia da reciclaxe de vidro se adentre nos fogares. Para isto, os interesados tan só terán que acceder a través dos códigos BIDI impresos nos iglús de Ecovidrio e contestar un sinxelo cuestionario a través do sitio web www.reciclavidrioenfamilia.es
Así mesmo, os miniglús inspirados nalgúns dos Personaxes de Disneyland París poderanse adquirir tamén a través da páxina web www.miniglu.es. Todos os beneficios irán destinados a unha entidade sen ánimo de lucro que traballa pola inclusión social das persoas con discapacidade e o fomento de valores educativos en actividades deportivas adaptadas, de lecer e tempo libre.
Fonte e imaxe: Ecovidrio