- Foi un dos traballos presentados ao concurso do programa educativo “Recíclate con Sogama”, a través do cal convidábase aos centros adheridos ao mesmo a elaborar obras de arte con materiais de refugallo.
- O obxectivo deste colexio era que os pequenos visualizasen a protección do medio ambiente como garantía de saúde e benestar para todos os seres vivos.
Cerceda, a 17 de xullo de 2019.- Baixo a dirección da profesora que exerceu a coordinación do proxecto realizado no CEIP Rubiáns de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) no marco do programa educativo “Recíclate con Sogama”, Silvia Laíño Aido, o centro decidiu presentarse ao concurso de obras de arte con materiais de refugallo a fin de que os pequenos comprobasen por si mesmos o valor que pode ter o aparentemente inservible.
Baixo o título “Recíclate: por ti, por eles”, a pretensión do colexio era abordar o coidado do medio ambiente como garantía de saúde, benestar e calidade de vida, tanto para os humanos como para o resto dos seres vivos. E os docentes implicados na elaboración da obra quixeron fomentar o espírito autocrítico dos seus alumnos en torno ao consumo, moitas veces irresponsable e inconsciente, e á tendencia afianzada de optar polos plásticos de usar e tirar que, ademais de ameazar os ecosistemas e a fauna, regresan ás nosas mesas en forma de microplásticos presentes nos peixes que comemos.
Con este traballo, desenvolvido dunha forma lúdica, práctica e creativa, os pequenos tomaron boa nota da inxente cantidade de lixo que se xera cada día, da necesidade de minimizar a súa produción, de alongar a vida útil dos produtos e de separalos por tipoloxías e introducilos no contedor correspondente para que poidan ser reciclados e teñan unha nova vida.
Para elaborar esta obra, en cuxa parte central figura un letreiro coa palabra “Recíclate” e imaxes de distintos seres vivos, utilizáronse materiais tales como madeira usada, porexpán, teas, botóns, cartóns e papeis usados, argolas de latas, tapóns de botellas, palliñas de zumes, esponxas de embalaxes, cápsulas de café, botes de suavizante, herba seca e un lazo.
Saúdos, Departamento de Comunicación