- Shady Rabab, gañador do premio “Jóvenes Campeones de la Tierra por África 2018”, puxo en marcha un proxecto de reciclaxe orientado a nenos sen recursos co obxectivo de sacalos das rúas.
- A iniciativa contempla a fabricación de instrumentos musicais a partir de refugallos, ensinándolles ao mesmo tempo a tocalos.
- Tras meses de adestramento, crearon unha peza, co seu respectivo vídeo musica, que foi lanzada en setembro de 2019, recibindo, nunha soa semana, máis de medio millón de visitas de todo o mundo.
- Configurouse así un dos poucos espazos de arte dispoñibles para que os pequenos de Luxor (Exipto) aprendan, compartan e gocen.
Cerceda, a 3 de marzo de 2020.- Tras lograr o premio “Jóvenes Campeones de la Tierra por África 2018”, Shady Rabab propúxose axudar aos nenos sen recursos e sacalos das rúas coa axuda da música e os residuos.
O seu proxecto “Garbage Music”, do colectivo de arte Rabab Luxor, é hoxe unha realidade. Está traballando con pequenos de contornas vulnerables na fabricación de instrumentos feitos con refugallos plásticos e o seu obxectivo é crear unha comunidade unida a través valores medioambientais e musicais, demostrando que moitos produtos que son refugados a un ritmo insostible conteñen importantes recursos.
Esta iniciativa pretende utilizar a arte e a expresión creativa para contrarrestar a contaminación, ao tempo que motiva aos mozos a enriquecer os seus coñecementos e aumentar a súa conciencia sobre os desafíos que entraña o cambio climático.
O equipo do proxecto deseña talleres e clases para axudar aos mozos a dominar diferentes instrumentos co obxectivo final de conformar unha banda: a Garbage Music Band.
Na primeira fase do plan de acción, capacitou a máis de 36 nenas e nenos en Luxor (Exipto) sobre como converter os residuos en instrumentos musicais e, xa nunha segunda fase, ensinóuselles como tocar eses instrumentos.
Tras meses de adestramento, crearon unha peza, co seu respectivo vídeo musical, que foi lanzada en setembro de 2019 e, nunha soa semana, recibiu en todo o mundo máis de medio millón de visitas.
Os nenos seleccionados para o proxecto non tiveran a oportunidade de recibir unha educación de calidade e tampouco dispoñían de experiencia en música ou arte, pero esta actividade permitiulles acceder a un dos poucos espazos de arte dispoñibles para aprender, compartir e gozar.
Os promotores están recibindo invitacións para realizar capacitacións en escolas en Exipto e en toda a rexión de Medio Oriente e África do Norte.
Actualmente, o equipo enfróntase ao desafío de recadar fondos para garantir a sostibilidade da súa iniciativa e responder ás crecentes demandas.
Impulsado por Covestro , o premio “Jóvenes Campeones de la Tierra” é a iniciativa principal de UNEP para involucrar ás novas xeracións na abordaxe dos desafíos ambientais máis urxentes.
https://www.unenvironment.org/youngchampions/es
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente