- Desta forma xa son 75 as familias adscritas a esta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
- Do mesmo xeito que en fases anteriores, Sogama entregou ao concello 25 composteiros e manuais didácticos de apoio para que os veciños participantes poidan aplicar a técnica con garantías.
Cerceda, a 3 de agosto de 2020.- Da man de Sogama, o concello de Frades (A Coruña) quixo estender o seu programa de compostaxe doméstica a 25 novas vivendas, que xa se incorporaron de facto a esta iniciativa. O ente local pretende que a valorización da materia orgánica vaia tomando forma no municipio, en plena sintonía cos obxectivos europeos, e que cada vez sexan máis as familias que recuperen esta técnica tradicional.
Así as cousas, a empresa pública entregou ao concello 25 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables que, sumados aos 50 recipientes subministrados en fases anteriores, fan un total de 75 as familias que participan no proxecto. Co mesmo preténdese recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos domésticos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Ademais do composteiro, os veciños participantes recibiron un manual didáctico de apoio que lles servirá de tutorial, xa que no mesmo descríbese con detalle o proceso a seguir para compostar a materia orgánica: desde a propia localización do composteiro, nunha zona sombreada e protexida, ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O obxectivo último é que as familias poidan obter, a partir da reciclaxe da fracción orgánica (aproximadamente o 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo) un compost de alta calidade para ser aplicado ao solo con garantías. Con isto, redúcese a cantidade de residuos a depositar no contedor verde tradicional, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Os interesados poden complementar os seus coñecementos en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay