- A recollida deste residuo alcanzará unha gran magnitude nos dous próximos anos.
- Eucobat celebrará en Noruega un congreso específico sobre este mercado emerxente, habida conta de que este país nórdico é o que conta actualmente con maior número de vehículos eléctricos en Europa.
- Esta foi unha das cuestións abordadas na asemblea xeral de Eucobat celebrada recentemente en Sevilla, da que Ecopilas é membro fundador, e na que se analizou e debateu outros asuntos de interese tales como a revisión da Directiva de pilas e baterías.
Cerceda, a 25 de abril de 2019.- Eucobat, a asociación que aglutina aos sistemas colectivos de reciclaxe de pilas e baterías máis importantes de Europa, considera que a reciclaxe das baterías dos vehículos eléctricos constitúe un dos maiores retos aos que se enfronta o sector debido á magnitude que a recollida deste residuo alcanzará nos dous próximos anos.
É por isto que a patronal decidiu abordar de xeito específico esta cuestión e analizar aspectos tales como o financiamento da xestión, a seguridade no transporte ou a preparación para a súa reutilización ou reciclado. Con tal fin, Eucobat celebrará en Noruega, durante o próximo mes de xuño, un congreso específico sobre este mercado emerxente, habida conta de que este país nórdico é o que dispón actualmente de maior número de vehículos eléctricos en Europa. De feito, un de cada tres coches vendidos en Noruega durante o ano 2018 era eléctrico.
Esta foi unha das cuestións abordadas na asemblea xeral de Eucobat, da que Ecopilas é membro fundador, e que tivo lugar recentemente en Sevilla, na que tamén se analizaron as novas políticas europeas no medio ambiente e economía circular, e a revisión da Directiva de pilas e baterías, xa posta en marcha.
Ao respecto, a asociación sostén a necesidade de establecer un novo criterio de cálculo baseado nas baterías dispoñibles para a súa recollida e non na media das comercializadas nos tres anos anteriores, tal e como establece a actual Directiva. A vida media útil deste tipo de produtos xa alcanza os 5,2 anos, segundo un estudo publicado recentemente e realizado por Eucobat en toda Europa.
Así mesmo, durante este encontro avaliouse a aplicación da normativa do Acordo Internacional de Transporte de Mercancías Perigosas por Estrada (ADR) ao transporte destes residuos ou a revisión das instrucións de seguridade que se deben facilitar aos puntos de recollida, asuntos ambos moi relacionados co crecente incremento de baterías de Li-ion no fluxo dos residuos recollidos. Segundo Ecopilas, entre os anos 2010 e 2017, este fluxo incrementouse nun 137% debido á proliferación do uso deste tipo de baterías en novos dispositivos.
OS DATOS
Cabe sinalar que os sistemas colectivos adheridos a Eucobat representan a 17.000 produtores e importadores de pilas e baterías, e contan cunha rede de 400.000 puntos de recollida despregados en Europa.
Pola súa banda, Ecopilas retirou en 2017 un total de 3.033 toneladas de baterías e pilas, o equivalente ao 41% das comercializadas en España, dato que sitúa ao noso país como o sexto entre os membros de Eucobat por ratio de recollida e só por detrás de Bélxica, Romanía, Holanda, Alemaña e Dinamarca.
Fonte: Ecopilas
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación