- Así se recolle no “V Informe Anual de Recyclia sobre tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España”, no que tamén se subliña a importancia das denominadas materias primas secundarias na redución da dependencia externa e na diversificación das fontes de subministración actuais
Cerceda, a 20 de novembro de 2024.- No ano 2030, a reciclaxe de baterías de vehículo eléctrico en España proporcionará o 84,5% e o 60,2% do volume de litio e cobalto, respectivamente, que necesitarán as novas baterías que se produzan ese mesmo ano. En concreto, recuperaranse 9.400 toneladas de materias primas fundamentais que permitirían fabricar 33.000 baterías sen necesidade de extraer novos recursos deste tipo.
Estas son algunhas das conclusións do ‘V Informe Anual de Recyclia sobre Tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España’, que analiza o papel estratéxico desta actividade na subministración de materias primas críticas, reflectindo tamén que esta actividade achegará o 7,4% e 9,5% das toneladas de aluminio e níquel, respectivamente, que demandará a produción de novos aparellos no noso país en 2030.
O documento subliña así a importancia das denominadas materias primas secundarias -as recuperadas mediante a súa reciclaxe e reintroducidas no proceso produtivo- na redución da dependencia externa do noso país para o abastecemento e na diversificación das fontes de subministración actuais.
Neste sentido, indica que España é totalmente dependente do exterior na subministración dalgunhas materias primas fundamentais, como é o caso do aluminio ou o níquel, sendo tamén elevada nos minerais metálicos (cociente de dependencia do 68%); ouro, prata e platino (49%); metais non férreos (33%); e, en menor medida, cobre e zinc (14%).
España, líder en recollida de RAEE
No caso dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), recolléronse 413.300 toneladas en 2021, un 5% máis que no ano anterior. Esta cifra representa o 47,8% das toneladas de aparellos electrónicos postos no mercado no trienio anterior (2018-2020), o que coloca a España por diante de países da nosa contorna como Alemaña (44,1%) e Italia (36,5%).
Así mesmo, a taxa de crecemento das toneladas destes residuos recollidas no noso país sitúase no 11,32% entre 2019 e 2021, superando en 0,6 puntos porcentuais a media da Unión Europea e situándose só por detrás de Francia (+17,46%).
Respecto a pilas e baterías, a súa recollida e reciclaxe rexistrou un máximo histórico no ano 2021, con 297.700 toneladas, o que representa un crecemento do 8% en relación a 2020.
O informe de Recyclia destaca que practicamente a totalidade dos produtores e importadores de aparellos eléctricos (98,9%) e de pilas e baterías (96,7%) están adheridos a un sistema colectivo para cumprir coa súa obrigación de xestión destes residuos, e constata, ademais, que a actividade da reciclaxe deste materiais mantense estable en España en canto a xeración de impacto económico, cun Valor Engadido Bruto (VAB) de 1.360 M€ en 2023.
Fonte e imaxe: IndustriAmbiente